O Concello de Ordes destina 30.000 euros ás axudas de material escolar. Ata o próximo 14 de outubro permanecerá aberto o prazo de solicitude.

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña de hoxe martes publica o extracto da convocatoria para a obtención de axudas de material escolar concedidas polo Concello de Ordes para o curso 2022-23. O prazo de presentación de solicitudes rematará o próximo 14 de outubro.

Con tal fin o Concello destina unha partida de 30.000 euros que se outorgarán ata esgotar o crédito orzamentario. O importe detallado das axudas para educación infantil será de 70 e 90 euros e para as de primaria e ESO 40 (90 sumándolle a da Consellería de Cultura, Educación e Universidade) e 70 euros. Sempre en función da renda per cápita segundo esta supere ou non os 6.000 euros e cun máximo establecido nos 10.000. A cantidade calcularase coa suma das bases impoñibles do IRPF (recadros 435+460) dos membros da unidade familiar dividido entre o número de membros computables.

Entre os requisitos esixidos para poder optar ás axudas figura que os membros da unidade familiar estean empadroados e que residan no municipio. O alumnado deberá estar matriculado nun centro público de ensino situado en Ordes e non repetir curso, así como o de carecer de débedas fiscais coas facendas públicas nin ter pendente de xustificación ningunha subvención outorgada polo Concello. Outro aspecto fundamental é que a suma dos valores catastrais das fincas urbanas e rurais pertencentes aos membros da unidade de convivencia non excedan dos 35.000  e dos 13.000 euros respectivamente. En ambos os casos queda excluída a vivenda habitual. 

Unha vez aprobada e concedida a axuda o seu pago realizarase por medio dun vale cambiable nos establecementos adheridos no termo municipal. Poderán ser trocados ata o 15 de decembro como data máxima.

A convocatoria e as bases destas axudas foron publicadas no BOP Nº 171, con data do xoves 8 de setembro de 2022.

Axudas de material escolar 22/23