Andaina e marcha ciclista para inaugurar a Vía Verde
Ata o próximo 1 de setembro estará aberto o prazo para poder participar nesta actividade que terá lugar o día 4. Poderá facerse tanto a pé como en bicicleta e será de balde para todos e todas
O vindeiro 4 de setembro vai ser inaugurada a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle cunha andaina e unha marcha cicloturista matutina que será de balde para todas as persoas que participen. A saída está prevista dende a estación de Queixas-Londoño (Cerceda), para continuar ata as da Pontraga (Ordes), Trasmonte (Oroso) e finalizar na de Sigüeiro. Serán en total 21 quilómetros, repartidos nun tramo de 11 quilómetros e noutros dous de 5 respectivamente.
De querer participar as persoas interesadas disporán ata o 1 de setembro para facer entrega da súa solicitude, tanto por vía telemática como de forma presencial no Concello. Dito formulario xa está dispoñible nas redes sociais e plataformas dixitais oficiais da Administración local.
En cada municipio habilitarase un servizo gratuíto de transporte para dirixirse ata os puntos de saída e tamén para o regreso. Ademais terase a opción de poder transportar as bicicletas. No caso de Ordes a saída está prevista para as 8.45 horas dende a rúa Entreparques. A organización repartirá avituallamentos ao longo do traxexto.
Grazas a este novo tramo o municipio de Cerceda e o de Santiago permanecerán unidos a través dun itinerario que en conxunto supera os 36 quilómetros de lonxitude e que poderá ser completado tanto a pé como en bicicleta, ao longo das antigas liñas do ferrocarril.
Nesta actividade participan a Deputación da Coruña, así como os concellos de Ordes, Oroso, Tordoia, Cerceda e Santiago, ademais de contar con fondos europeos.