spacer
O presidente da Xunta visitou o novo centro sociocomunitario Isabel Zendal en Ordes.

RUEDA  AVANZA QUE A XUNTA APROBARÁ MAÑÁ UN INVESTIMENTO DE 19,1 MILLÓNS DE EUROS PARA AS ENTIDADES SOCIAIS DE GALICIA 

  • Valora que esta partida provén da solidariedade dos cidadáns que marcan o recadro social da súa declaración do IRPF
  • Defende que Galicia debe seguir reforzando a súa rede de protección social, para arroupar a todos os cidadáns desde o berce ata o bastón
  • Salienta a aposta do Goberno galego por unha Galicia con máis conciliación, benestar e con servizos de calidade no rural

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que a Xunta aprobará mañá un investimento de 19,1 millóns de euros para as entidades sociais de Galicia. Con esta partida, segundo precisou, poderán desenvolver programas destinados ás persoas maiores ou con discapacidade, ás familias en risco de exclusión e a outros colectivos que o necesitan.

O titular do Executivo galego puxo en valor que esta partida provén da solidariedade dos cidadáns, que marcan o recadro social da súa declaración do IRPF. Rueda enmarcou este investimento dentro da aposta da Xunta por que Galicia siga reforzando a súa rede de protección social para arroupar a todos os cidadáns desde o berce ata o bastón, especialmente -segundo enfatizou- cando están a pasar circunstancias complicadas.

Fixo estas declaracións durante unha visita ao novo centro sociocomuntario Isabel Zedal de Ordes que o Goberno galego axudou a construír cun investimento de 360.000 euros e que permitirá ofrecer un lugar de encontro para as persoas maiores e a xuventude desta localidade ademais de albergar o punto de atención temperá financiado pola Xunta de Galicia. 

Nesta liña, enxalzou as medidas que está a levar o Goberno galego por unha Galicia con máis conciliación, benestar e con servizo de calidade no rural. E en concreto apuntou ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que permite que 25.000 maiores reciban coidados nas súas casas (100 M€); ao programa Xantar na Casa, que en Ordes chega a 30 persoas, pero que en toda Galicia alcanza xa os 1.800 beneficiarios; aos Coidados Porta a Porta, que xa leva 11.000 usuarios atendidos en todos os concellos agás as 7 cidades galegas; e ás Casas do Maior, cos que se sumarán 500 prazas de balde para atención dos maiores no rural.

Centro sociocomunitario Isabel Zendal

O presidente da Xunta visitou o novo centro sociocomunitario Isabel Zendal, que abriu recentemente as súas instalacións – tras un investimento de 910.000 euros, dos que 360.000 foron achegados pola Xunta- e que acolle diferentes tipos de actividades para todos os grupos de idade. 

Precisamente, encadrou o servizo que prestan este tipo de entidades dentro do compromiso do Goberno galego por unha sociedade familiar, na que maiores e mozos se poidan reunir nun mesmo espazo e aprender un dos outros.