spacer
O pleno de Ordes aproba destinar preto de 220.000 € correspondentes ao POS+ Adicional 2/2022 a gasto corrente

Audio do pleno

Nesta segunda fase adicional a Deputación da Coruña asígnalle ao Concello un importe total que supera os 702.000 €. Preto de 220.000 destinaranse a sufragar o aumento de prezos no capítulo de gastos correntes. 

702.873,97 euros. Esta é a cantidade que lle corresponde ao Concello de Ordes da segunda fase do POS+ Adicional 2/2022 (Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal) outorgada pola Deputación da Coruña. Unha cifra que segundo indicou o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo no pleno de onte destinarase a diversas obras e a gasto corrente. Os proxectos contemplados, xa aprobados no plan complementario do POS+2022 refírense á mellora de vías de comunicación. Entre outros camiños figuran o que vai da Rúa á Carballedo en Buscás (173.177,21  €); o da Morgade ao Mesón e outros en Ardemil (208.878,52 €), ademais da pista que enlaza a estrada AC-409 con Meitufe e accesos a Igrexa en Leira (101.661,03 €). A estas cantidades hai que sumarlles outros 219.147,21 euros para facer fronte ao incremento dos prezos derivados da inflación que afecta a todo o conxunto da sociedade. Á hora da votación o apoio foi unánime por parte de todos os concelleiros e concelleiras, agás por Gonzalo Veiras (BNG) e Carmen Ferreiro (PSdeG PSOE de Ordes) que non puideron asistir á sesión.

O BNG viu rexeitada a urxencia da súa moción, polo que non se chegou a debater. Nela instábase á Xerencia Rexional do Catastro de Galicia e á Consellería do Medio Rural a actualizar e coordinar o catastro coas parcelas resultantes do proceso da concentración parcelaria Beán-Pereira II, a día de hoxe rematado e xa cos títulos entregados. No seu escrito os nacionalistas tamén demandaban por parte de Medio Rural que no caso da concentración parcelaria de Poulo se adoptaran as medidas oportunas para a protección da fraga situada nas inmediacións do Castro de Pardiñas. A xustificación aportada polo rexedor ante a negativa do PP a debater este punto foi, no primeiro dos casos, que a actualización dos datos catastrais dependen directamente do Ministerio de Facenda e Función Público do Goberno de España e non do Goberno autonómico. Ademais puntualizou que dita petición xa se levou a cabo por parte do Consello Territorial da Propiedade Inmobiliaria tanto no caso do Concello de Ordes como no doutros municipios. No referente á fraga situada en Poulo, Martínez Sanjurjo explicou que “o estudio previo da parcelaria xa recolle a exclusión da franxa norte da zona de Poulo que linda con Buscás, polo que dende o punto de vista medioambiental non formará parte do proceso”. 

Nos rogos e preguntas efectuados polo BNG fíxose referencia a temas como a necesidade de realizar rozas en zonas do polígono de Merelle, a ampliación da biblioteca municipal unida ao traslado de servizos mancomunados ao antigo Concello, a reordenación do tráfico na rúa Alfredo Brañas e á retirada de sancións, a reposición do  paso de peóns na rúa Mestre Alfonso Lesta, así como á pavimentación no núcleo de Queirúa.

No caso dos non adscritos interesáronse polo estado de conservación da pista pum track, e deixaron constancia da necesidade do cambio dun colector de papel e cartón situado a carón dun dos institutos.

Os socialistas preguntaron sobre a situación actual da concentración parcelaria de Poulo, a cal xa conta cun orzamento de 192.199 euros para poder realizar o levantamento topográfico, os plans parcelarios ou a para a preparación das bases.