Empezarán o 12 e rematarán o 16 de agosto. Serán cinco días de música, diversión e celebración para honrar a súa patrona, a Santa María. O día de San Roque a diáspora ordense terá, novamente, un papel relevante 

Ordes xa conta con programa para as súas festas patronais deste ano. Unha cita ben esperada non só pola veciñanza senón por moitos visitantes que ven nas festas de Santa María a mellor opción para vivir uns días de alegría e celebración en boa compañía. Coma non podía ser doutro xeito o Concello de Ordes xoga un papel relevante á hora de confeccionar un cartel repleto de grupos, orquestras e actos de todo tipo baixo a organización da Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes.

O programa arrancará o venres, 12 de agosto, cunha verbena na que o Dj Toni Seijas e a orquestra Los Coleguitas serán os primeiros en subirse ao escenario. O día seguinte, sábado 13, a sesión vermú contará coa actuación da orquestra Fuego. Esta volverá a estar presente pola noite, pero nesta ocasión a carón do Combo Dominicano. A televisiva artista local Tania Veiras será a encargada de que o público que se achegue ata Ordes o domingo día 14 se marque os primeiros pasos nunha sesión vermú que contará con moitos dos seus seguidores e seguidoras. Ese mesmo día, a partir das 20 horas, haberá un pasacalles a cargo de Lilicleta Disco. Será o preámbulo para unha sesión nocturna na que novamente poderemos disfrutar da actuación de Tania Veiras e do seu grupo, ademais da orquestra París de Noia.

O día grande será o luns 15 de agosto. Unha xornada na que o pobo de Ordes se volca por enteiro coa súa patrona, a Santa María. Ás 12 haberá misa e procesión, pero unha hora antes os ritmos folclóricos e tradicionais de Embruxo Gaiteiros, Camiño Real de Poulo e as pandereteiras de Ardevento deixarán constancia de que se trata dun día de festa moi especial. Foliada D´Ases actuarán durante a sesión vermú e xa ás 19 horas a música volverá a soar da man da charanga Os Bregadiers. Como en anos anteriores os fogos de artificio tamén serán outro dos grandes atractivos deste día, cousa para a que haberá que agardar ata a media noite. Os Satélites e, novamente, Foliada D´Ases serán os cabezas de cartel para esa noite. 

O Día de San Roque, localmente coñecido como o Día do Emigrante, será a última xornada de celebración. Así o martes arrancará cun pasacalles ás 11 horas por parte de Embruxo Gaiteiros, Sementes da Arte, a Asociación Veciñal de Leira e a Banda de Música de Ordes. A partir das 13 horas haberá misa e posteriormente unha ofrenda floral no monumento ao emigrante situado a carón do Concello. Como cada ano daráselle unha homenaxe a algún veciño e veciña emigrado do municipio. Grupo Studio ofrecerán o seu espectáculo musical durante a sesión vermú e xa pola tarde, ás 19 horas, a formación Brassica Rapa animará cun pasacalles que soará polas principais rúas da vila. Unha hora máis tarde será o momento de poder ver actuar conxuntamente á Banda de Música de Ordes e a Embruxo Gaiteiros. Esa noite os grupos Bomba e Metrópolis serán os encargados de poñerlle o peche oficial ás festas patronias deste ano. 

Para calquera tipo de achega económica que axude a sufragar os gastos os organizadores e organizadoras teñen á disposición de quen queira unha conta aberta no Banco Santander (ES34 0238 8188 2506 0105 1240). Cabe sinalar tamén que, ademais do Concello de Ordes, tanto a Xunta de Galicia como a Deputación da Coruña e o Xacobeo 21-22 colaboran para que Ordes poida vivir estes cinco días de festa.