spacer
Un encontro folclórico marcará o inicio do programa Os sendeiros da Cultura

Arrancará este próximo día 30 e finalizará o 12 de agosto. Nel teñen cabida teatro, cine, maxia, circo, música e celebracións infantís.

O programa lúdico Os sendeiros da Cultura está a piques de dar comezo en Ordes. Concretamente inaugurarase o día 30 de xullo cun encontro folclórico que terá lugar na alameda a partir das 20 horas. Alí xuntaranse os integrantes de bandas, asociacións e agrupacións como a veciñal de Leira, Sementes da Arte, Camiño Real de Poulo, ademais das pandereteiras de grupos como Somos Nós ou Ardevento.

Xa o 1 de agosto, repetindo tanto o lugar como a hora, será a quenda para Kote Malabar co seu espectáculo Cirkote. O Dia 2 a praza Cidade Veracruz-México acollerá a partir das 20 horas a actuación de Umami Dance Theatre co seu espectáculo Agridulce. 

Este ano tampouco faltará o cine ao aire libre. Donkey Xote é o título da película que se proxectará o mércores 3 de agosto ás 22 horas na alameda. A gran pantalla volverá a instalarse a esa hora na alameda xusto unha semana máis tarde, o día 10, para poder ver a comedia Cuñados.

De cara ao xoves, 4 de agosto, a partir das 17 horas o Campo da Feira encherase de xogos, inchables, animacións, música e diversión grazas á celebración do Día do neno. 

O día 5 chegará o teatro a Ordes. Virá da man da compañía Inventi Teatro que nesta ocasión ofrecerá a peza A tropa do doutor Milagre ás 20 horas na alameda. Os/as afeccionados/as ao teatro tamén terán que apuntar nas súas axendas a data do martes día 9, porque a partir das 20 horas na alameda Teatro Calavera representará a obra Brincadeira Pirata.

A música será a verdadeira protagonista da xornada do sábado día 6 coa XXIIII Xuntanza de Bandas de Música. Nesta ocasión a Banda de Música de Ordes contará coa Banda de Música Santa Águeda de Coles como formación convidada. O concerto será ás 20 horas na alameda.  

Por outra banda o luns 8 de agosto a partir das 20.30 horas na alameda o mago Ramón García ofrecerá o seu espectáculo que de seguro deixará ao público asistente coa boca aberta. 

O día 11 as acrobacias, peripecias e humor de Máximo Óptimo estarán a partir das 20 horas na praza Cidade Veracruz-México. E xa por último Asacocirco, con Circo de lume, estarán tamén na praza situada a carón do Centro Sociocomunitario Isabel Zendal igoalmente ás 20 horas.

O Concello de Ordes informará coa antelación suficiente a través das súas redes sociais sobre calquera cambio de ubicación que houbera que realizar debido ás inclemencias meteorolóxicas. 

Na posta en marcha e realización do programa Os sendeiros da cultura participan, ademais do Concello de Ordes, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, Xacobeo 21-22 e Fundación La Caixa.