O BOP de hoxe tamén establece un período de 15 días hábiles para consultar a conta xeral 2021 e documentos xustificativos

O BOP de hoxe recolle as bases que rexen a convocatoria de axudas a través de incentivos á contratación temporal por conta allea do alumnado do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo IV. A finalidade pasa por facilitar a empregabilidade das persoas participantes que superen satisfactoriamente o citado taller dual de emprego. Serán contratacións externas a tempo completo e cunha duración mínima de 3 meses. Estas deberán dar comezo nos quince días seguintes á finalización do citado obradoiro, establecida para o 28 de setembro.

O crédito total para esta iniciativa ascende a 12.000 euros con cargo ao Concello de Ordes, que se distribuirán en oito contratos por unha contía máxima de 1.500 euros.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ordes nun prazo de 10 días hábiles a contar dende o vindeiro luns. Obviamente será requisito indispensable a debida presentación da documentación requirida nas bases, ademais de estar ao corrente coas obrigacións tributarias fronte á Seguridade Social e demais administracións públicas. Este tipo de axudas son incompatibles con outras outorgadas por administracións públicas polos mesmos conceptos, aínda que si o serán  con bonificacións e reducións á Seguridade Social. 

O Obradoiro Brañas do Illó-Río Samo IV foi concedido pola Consellería de Emprego e Igualdade e promovido polo Concello de Ordes xunto cos Concellos de Frades e Mesía. Estableceuse un contrato de formación e aprendizaxe cunha duración de 9 meses. Durante este período desenvólvense actividades auxiliares en conservación e mellora de montes (Nivel 1) e en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas (Nivel 2). O número total de alumnado-traballadores/as foi de 20 (10, Ordes; 5, Mesía e 5 Frades).

Conta xeral 2021
Por outra banda no BOP deste venres tamén se publica o edicto sobre a exposición pública da conta xeral do exercicio 2021 e sobre os documentos xustificativos. As persoas interesadas terán á súa disposición a dita documentación na Secretaría Xeral ao longo durante 15 días hábiles a partir do vindeiro luns, co fin de poder realizar por escrito as reclamacións, reparos ou observacións que estimen pertinentes, tal e como establece a normativa vixente.