A proba disputouse hoxe contando con máis de 370 participantes. Por equipos o primeiro clasificado foi a S.D. Compostela Atletismo

No día de hoxe Ordes celebrou a súa XXV Carreira Popular cun amplo número de corredores e corredoras de todas as idades cun número que acadou os 373 atletas.

O gañador masculino indiscutible da proba absoluta foi Nuno Costa, cun tempo de 27’50’’. O seguinte en atravesar a liña de meta foi Víctor Puyelo Pardo (28’05’’), seguíndolle na terceira posición Amador Pena Torreira (29’,52’’). Tanto o primeiro como o terceiro son integrantes da S.D. Compostela Atletismo, mentres que o segundo o é do Atlético Oroel. No que se refire á categoría feminina Branca Fernández Lago (36’12’’), do club San Miguel de Marín, foi a que encabezou a lista de vencedoras este ano. O segundo lugar foi para Noelia Papín Estévez (36’20’’) e o terceiro para Elena Veres (37’47’’), membros do Club Atletismo Sada e da S.D. Compostela Atletismo respectivamente. 

Precisamente foi a S.D. Compostela Atletismo a que encabezou a lista dos equipos vencedores con 39 puntos. O segundo da lista foi o Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago, cun total de 76 puntos, e en terceira posición o Club Atletismo Tambre con 152 puntos. Os resto de equipos en completar a lista foron o Noitebra (157 puntos), Atletismo Sar (199 puntos), San Miguel de Marín (207 puntos) e K2Ordes (425 puntos).

Seguindo cos resultados oficiais, os cales se poden consultar na web www.carreirasgalegas.com, na categoría sub 16-14 o gañador foi Alejandro Couselo Fernández (08’ 37’’) do Club Atletismo Tambre. O segundo posto foi para o integrante do Natación Ribeira Jesús Patiño Ríos (08’ 51’’), mentres que o terceiro en subirse ao podio foi Iván López Pazos (08’ 54’’) do Atletismo Narón. No caso das mulleres a primeira posición acadouna Tania López Pazos (09’ 02’’), do Atletismo Narón, seguida de Demeku Paniagua Rodríguez (09’ 09’’) e de Debris Paniagua Rodríguez (09’ 29’’), ambas do do Club Atletismo O Pino.

Jeyden Silva Guerrero (03’ 57’’), do Natación Ribeira; Álvaro Patiño Berdomás (04’), do Atlética A Silva-Ordes e Hugo Furelos Caldas (04’ 15’’), do Atletismo +9 Moraña foron os que encabezaron a lista de gañadores na categoría masculina da proba Sub 10-12. Por outra banda Lucía Ageitos Romero (03’ 56’’), do Natación Ribeira, seguida respectivamente de Xiana Reboredo Dosil e Irene Leis Margareto (ambas 04’ 43’’), así como de Martina Rodríguez Castro (04’ 52’’), membros estas dúas últimas da S.D. Compostela Atletismo foron as mulleres cos mellores resultados na súa proba.

Non cabe dúbida que as boas condicións meteorolóxicas contribuíron moi favorablemente para que no día de hoxe se congregase un bo número de veciños, veciñas e público afeccionado para desfrutar desta proba, a cal formaba parte do VIII Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña. Dende ben cedo o tráfico en gran parte da avenida principal da vila, a de Alfonso Senra, foi desviado para situar neste puntos tanto a liña de saída como a meta. A alameda de Ordes serviu novamente como escenario para a entrega de premios por parte das autoridades municipais, que ademais de trofeos tamén outorgaron cheques con valores que oscilaron entre os 200 e os 70 euros. 

A XXV Carreira Popular foi organizada polo departamento de Deportes do Concello de Ordes, contando coa colaboración da Deputación da Coruña e da Federación Galega de Atletismo. Tamén cabe agradecer participación de marcas comerciais como Nocilla, Feiraco, froitería Anova, carnicería Enrique, excavaciones e obras Candal S.L., Gadis e Seguros Reale Jaime Castro.

Nuno Costa e Branca Fernández Lago, mellores marcas na XXV Carreira Popular Concello de Ordes