O servizo de atención temperá atendeu onte as primeiras consultas.

Dende este luns xa se pode ver actividade no interior do centro sociocomunitario Isabel Zendal. Dende primeira hora o persoal do servizo de atención temperá, así como as persoas usuarias, xa ocuparon as salas e espazos destinados para tal fin situadas no terceiro andar denominado 22 Anxos. As persoas maiores de Ordes disporán da sala Balmis, no primeiro andar. Alí poderán levar a cabo as actividades e encontros que durante os últimos anos viñan realizando no baixo situado na rúa Reconciliación. 

O servizo de atención temperá, dependente de Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, estará aberto de luns a venres. Ademais do seu horario matinal os luns e xoves ofrecerán os seus servizos pola tarde, ata as 20 horas, e os martes e mércores ata as 19 horas. 

Está previsto que o primeiro que acollerá o espazo polivalente da planta baixa e a planta segunda serán as actividades de conciliación de verán, as cales van dirixidas á cativada de 3 a 12 anos. O Summer Camp iniciarase o 23 de xuño e durará ata a primeira semana de setembro. Para actividades orientadas propiamente ao público xuvenil e a mocidade resérvase o uso do segundo andar do inmoble, bautizado como Expedición. 

A nomenclatura escollida para os diversos espazos deste edificio bautizado co nome da filla predilecta de Ordes, Isabel Zendal, está inspirada na xesta filantrópica que, grazas a ela, foi un éxito e mudou a historia da humanidade. A coñecida como expedición Balmis desenvolveuse de 1803 a 1806 e supuxo poder transportar con éxito a vacina coa que se erradicou a praga da varíola no coñecido como o Novo Mundo. Un fito que salvou a vida dun número incalculable de seres humanos. 

O centro sociocomunitario Isabel Zendal supuxo un investimento total incluído o equipamento de mais de 885.000 euros, dos cales 360.000 euros foron achegados pola Consellería de Política Social e Xuventude para levantar o edificio, e xunto coas aportacións do Concello de Ordes e da Mancomunidade, xurdiron diversas colaboracións vía convenios coas empresas Internaco, Grupo Ramón García, Luckia, Sogama, GSI suministros e Gesuga. O remate do entorno contra o río e o acceso ao paseo fluvial logrouse coa obtención de financiación do plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente, que permitiron acometer a construción dunha praza contigua de uso público na que o Concello e a Xunta de Galicia investiron 117.000 euros, a cal está previsto pase a denominarse en próximas datas Praza Veracruz, cidade irmán de Ordes desde o outono do ano 2017, e a cal chegou a expedición Balmis o 24 de xullo de 1804 na súa travesía para erradicar a varíola por América.

Comeza a actividade no centro Isabel Zendal