O programa de conciliación inclúe actividades como deportes alternativos, cociña divertida, xincanas ou xogos musicais entre outras. As persoas interesadas dispoñen ata o 20 de xuño para apuntarse

A partir de hoxe e ata o 20 de xuño permanecerá aberto o prazo de inscrición do Summer Camp, o programa de actividades de conciliación estival organizadas polo Concello de Ordes conxuntamente coa escola ConTalento. Está dirixido a nenos e nenas escolarizados de 3 a 12 anos de idade, tendo preferencia os empadroados no municipio.

Arte e Creatividade, busca do tesouro, obradoiros creativos e artísticos, xincanas, deportes alternativos, valores, cociña divertida, xogos musicais, saídas e sesións de piscina son algunhas das actividades previstas para este ano. As sesións desenvolveranse de luns a venres nun horario que irá dende as 9 ata as 14 horas (posibilidade de contratar outros horarios e servizos). 

As quendas organizaranse por quincenas ao longo dos meses de xullo (1-15 e do 18-29) e agosto (1-12 e do 17-31). Tamén do 23 ao 30 de xuño e do 1 ao 7 de setembro. Os prezos variarán entre os 20, 36, 40 e 44 euros dependendo das semanas escollidas para participar, habendo un desconto do 50% para as familias numerosas. Ademais, nos meses centrais do verán ofertarase un servizo de transporte para desprazarse dende as parroquias, que se levará a cabo no caso de poder contar cun número mínimo de usuarios/as.

As inscricións para o Summer Camp poderán efectuarse no departamento de Educación do Concello de Ordes. Para máis información pódese chamar ao 981 680 002 (ext.3) 

Abre o prazo de inscrición para o Summer Camp