O prazo de solicitude para as cacharelas estará aberto ata o 20 de xuño

No día de hoxe fíxose público o bando polo que se informa do xeito correcto de proceder de cara á celebración das festividades de San Xoán e San Pedro. Persoas, asociacións e entidades disporán ata o 20 de xuño (14 horas) para presentar no Rexistro do Concello as súas solicitudes e comunicacións para as tradicionais cacharelas. As persoas interesadas poden acceder xa ao formulario en liña publicado nas redes sociais da administración local para efectuar o trámite.

No caso de parques, prazas ou calquera ben de dominio público será imprescindible contar con autorización municipal. Tamén deberán terse en conta os sistemas de protección co uso de chapas metálicas e capa de area nas vías públicas pavimentadas e beirarrúas. Se se trata dunha propiedade privada haberá que contar coa respectiva autorización da persoa propietaria dos terreos. 

Entre as normas de seguridade estipuladas polo Concello de Ordes están que o volume de combustible da cacharela non pode exceder os 8 metros de perímetro nin os 3 metros de altura, ademais de estar prohibido facer lume por debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos. Terán que contar cunha distancia mínima de 8 metros respecto das edificacións máis próximas e non se poderán empregar pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano nin aceites. Tampouco elementos que conteñan líquidos inflamables, gases a presión ou que desprendan fume tóxico.

Policía Local e Garda Civil velarán polo correcto cumprimento da normativa establecida.