Audio do pleno

  • No pleno tamén se concretaron as novas tarifas para o cemiterio do Balado, onde se construirá unha nova mazá con 96 panteóns.

  • Acordo PP-PSOE para instar ao Ministerio de Defensa a manter a homenaxe ao fillo predilecto de Ordes Soldado Lois, coa única negativa do BNG.

Cos votos favorables do grupo de goberno (9) o pleno do Concello de Ordes procedeu coa aprobación inicial dos orzamentos deste ano 2022. En total ascenden a 10.989.034,18 euros, presentándose unha cifra nivelada en ingresos e gastos, cumprindo coa lei de estabilidade orzamentaria que atinxe ás facendas locais. Unha cantidade que supón un incremento do 8,33% con respecto aos orzamentos do pasado 2021, que en parte ven dado polo aumento do 1,59% en impostos directos. 

En palabras do alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, as contas municipais caracterízanse “polo mantemento dos servizos esenciais, con especial dedicación aos colectivos máis desfavorecidos, sendo as liñas fundamentais dos mesmos o saneamento das contas municipais, mediante a contención do gasto público, a eficiencia na asignación dos recursos municipais, a sustentabilidade dos servizos municipais fundamentais, o mantemento dos créditos ás políticas sociais, de emprego e fomento económico, así como aos investimentos produtivos.”

O rexedor destacou os 2.335.258,72 euros para investimentos, dos cales o 1.373.743,14 euros corresponden a fondos propios. Fondos que serviron para executar, entre outros proxectos, a adquisición dun vehículo con guindastre, o remate da praza situada a carón do centro sociocultural Isabel Zendal, melloras nos accesos en  parroquias como Beán, Pereira, Poulo ou Vilamaior; e actuacións a realizar no que resta de anualidade, como a mellora da capa de rodaxe no vial de Mámoas, a renovación de unha ODT en Pumariño, na estrada de Buscás, a mellora das infraestruturas viarias no polígono de Merelle, ademais de subministración de marquesiñas, instalación de cubrecontenedores ao carón do Camiño Inglés. Tamén se prevén obras na pista de A Grela a Igrexa e de Xermiñas en Lesta, e actuacións noutras parroquias como a Ponte de Trillán, abastecemento e firme interior no Balado e o abastecemento vivendas da Avieira (As Casillas); accións en materia de residuos  por máis de 134.000 euros (90% aportado sen o IVE pola Xunta); a ampliación de unha nova mazá de panteóns no cemiterio do Balado e a dotación de iluminación LED no edificio do tanatorio; instalación do sistema de iluminación na senda das Casillas e ampliación en O Conde; a adquisición dunha rozadora lateral de brazo; a renovación dos equipos informáticos na biblioteca municipal ou a renovación dos sistemas de son e demais equipamentos do auditorio da casa da cultura. 

O PSdeG-PSOE de Ordes criticou que tan só se destinen algo máis de 67.800 euros á asistencia primaria fronte aos máis de 254.000 euros que se contemplan para os órganos de goberno. O BNG mostrou a súa desconformidade co aumento na recadación obtida tanto polo IBI rústico (294.000 euros, incrementándose en 37.000 euros con respecto ao ano 2015), como polo IBI urbano (2.210.000 euros, incrementándose en 380.000 euros en comparación co ano 2015). Unha crítica que Martínez Sanjurjo xustificou como de demagoxia facendo referencia a incorporación de inmobles que non estaban contemplados nas cartografías catastrais e que non tributaban anteriormente. Ademais os nacionalistas situaron a débeda do Concello a data 31 de decembro de 2022 nos 2.586.000 euros (460.000 euros de débeda bancaria e o resto con outras administracións).

Pablo Vidal xustificou o seu voto en contra falando de aspectos como os salarios do goberno, ou o xeito de proceder á hora de realizar políticas en prol da natalidade e da vivenda. Tamén por mor do peche e abandono de empresas, do pouco uso que se lle está a dar ao novo Concello ou a o centro comarcal. Tamén citou o retraso que se dá na aprobación do PXOM, así como a falta de ideas para incentivar e dinamizar a hostalaría e o comercio local, ou mesmamente á praza de abastos e á feira da Adina.

Dende o Goberno rebateron estes argumentos, defendendo a dedicación dos concelleiros do goberno aos asuntos da xestión municipal os 365 días do ano, e anunciando un futuro proxecto pioneiro a nivel autonómico polo que a Oficina Agraria Comarcal pasará a instalarse no antigo centro comarcal. O alcalde asegurou que xa está tramitada a permuta pola que o espazo que a día de hoxe aínda ocupa o ente pertencente á Consellería de Medio Rural pasará a mans do Concello de Ordes e posteriormente a sede da Mancomunidade. Avanzando que o equipamento actual será trasladado á estación da Pontraga. O alcalde defendeu o atractivo que para moitas persoas ten Ordes, tanto a nivel servizos como laboral, á hora de instalarse en base ao número de habitantes rexistrados a día de hoxe (12.700) a pesar de ter un saldo vexetativo interanual negativo. No referente ao PXOM o rexedor emprazou ao voceiro nacionalista a comparar a tramitación no Concello de Ordes con outros similares que acadasen a aprobación inicial xusto antes da entrada en vigor da Lei 2/2016 do solo de Galicia, e defendeu a labor do equipo redactor, dos técnicos e do goberno local, que traballan sen descanso para alcanzar a aprobación provisional e definitiva a maior brevidade posible.

Finalmente tanto o PSdeG-PSOE de Ordes (2) como o grupo de non adscritos (3) optaron pola abstención, mentres que o BNG (2, ausencia de Gonzalo Veiras) optou polo voto negativo.

Outro dos puntos na orde do día foi a modificación da taxa pola utilización do cemiterio municipal do Balado. Informouse da próxima construción dunha nova mazá composta por 96 panteóns, 4 furnas e 1 cinceiro. A obra que ascende a 524.052,25 euros. As novas tarifas arroxan unha suba do 40% en relación coas anteriores (2013), tanto polo incremento dos índices como polo prezo dos materiais. Así, para unha concesión de 50 anos o prezo do panteón será de 5.458,88 euros, o dos nichos 1.364,72 euros, mantendo o importe de 302,50 euros no caso dos columbarios. Todos os grupos emitiron un voto favorable á nova medida, agás o BNG que se abstivo. O motivo foi a súa reclamación de elaborar unha ordenanza municipal que regule e defina a construción do cemiterio de cara a futuras ampliacións.

Soldado Lois

Ante a decisión da Ministra de Defensa de cambiar a rúa que leva o nome de Soldado Lois no interior do arsenal de Ferrol, o Partido Popular presentou unha moción para que se manteña o compromiso de continuar celebrando a homenaxe que cada 1 de novembro se lle brinda na súa localidade natal ao fillo predilecto de Ordes por parte de efectivos da Armada Española.

Os socialistas aproveitaron o debate para lembrar o compromiso adquirido en pleno no ano 2015 para celebrar un acto no que se leve a cabo a restitución honorífica da corporación local constituída o 7 de marzo de 1936. Pola súa banda dende o BNG reclamaron a necesidade dun debate previo entre todas as forzas co fin de desligar a vertente humana da militar do Soldado Lois e poder conseguir así un maior consenso neste tema. 

Aínda que inicialmente a moción solicitaba as desculpas públicas por parte da titular de Defensa pola retirada da rúa, este primeiro punto foi eliminado do texto debido a que o Ministerio de Defensa xa ten rectificado tal decisión. Aínda así o único apoio que recibiron os populares veu dado polo Grupo Socialista, xa que o BNG opúxose e os non adscritos se abstiveron.
 

Ordes aproba inicialmente os orzamentos do exercicio 2022 por case 11 millóns de euros