Ordes acollerá o Campionato Ibérico MTBO 2022
As probas de distancia longa, media e sprint desenvolveranse o 7 e 8 de maio e nelas poderán participar corredores e corredoras de todas as idades
A fin de semana do 7 e 8 de maio o municipio de Ordes acollerá o Campionato ibérico de MTBO 2022 de distancias longa, media e sprint. A proba englóbase no calendario de competicións das ligas española e galega de MTB-O. A organización valorou moi positivamente o contorno natural que abunda ao longo de todo o concello, idóneo para este tipo de probas.
Para participar na proba será imprescindible contar coa pertinente licenza federativa ou ben con licenza válida por un día expedida pola federación. A competición rexerase polas normas xerais establecidas no regulamento de MTBO aprobado pola Federación Española de Orientación. As categorías chamadas a participar son a de cadete, xuvenil, júnior, veterano, absoluta e iniciación parellas. Tamén as de promoción, E-bike, ou elite dirixidas a xente de calquera idade.
O programa arrancará o venres, día 6, a partir das 18 horas, co reparto de credenciais e documentación no Campo da Feira, na vila de Ordes. O sábado os corredores e corredoras de distancia media serán os encargados de inaugurar o campionato ás 10 horas. Pola tarde será a quenda para a categoría sprint, cuxa proba desenvolverase de 15.45 a 18.30 horas. O domingo será o último día de competición coa proba de distancia longa que comezará ás 10 horas, estando previsto o peche de meta para as 13.30 horas. A entrega de trofeos realizarase inmediatamente despois.
O Campionato ibérico de MTBO 2022 está organizado polas federacións española e galega de Orientación e polo Gallaecia Raid. Nesta ocasión contan coas seguintes entidades colaboradoras: Concello de Ordes, Concello de Culleredo, Xunta de Galicia, Deporte Galego, Deputación da Coruña, Galicia Saudable, Non á violencia de xénero e o Consello Superior de Deportes.