A nova edición estará marcada pola festa e a celebración grazas á actuación de varias orquestras, entre elas a Olympus. O domingo será o día grande coa degustación gratuíta nos establecementos da vila.

Ordes xa está preparado para revivir unha das súas celebracións máis especiais e orixinais, a Festa do Champiñón. Tras o parón dos dous últimos anos por mor da pandemia regresa á vila a cita culinaria por excelencia aínda que, iso si, desligada de ExpoOrdes, o seu marco habitual. A feira multisectorial terá que agardar aínda un pouco máis a que as condicións sexan máis propicias para o seu regreso.

O Campo da Festa de Ordes converterase en lugar de encontro para os máis festeiros a partir das 22.30 horas coas actuacións de sonadas orquestras. A encargada de abrir o programa mañá venres será a Finisterre, seguida de Costa Dorada e da Olympus o sábado e domingo respectivamente. No caso desta última a actuación adiantarase ás 19 horas. Por outra banda, tanto o sábado como o domingo a alameda encherase de postos de artesanía. 

Outros ritmos musicais virán dados pola Banda de Música de Ordes, que o domingo a partir das 11 ofrecerá un pasacalles polas principais arterias do pobo. A maiores, a partir das 13.30 horas dará un concerto na alameda. O mesmo día as charangas BB+ e TNT serán as outras formacións encargadas de animar a xornada. Por suposto non faltarán as atraccións de feira, as polbeiras e, por primeira vez, tamén servizo de barra exterior. 

O domingo será o día máis esperado por veciños, veciñas e visitantes. O champiñón será o verdadeiro protagonista e o ingrediente imprescindible para a elaboración das tapas que de forma gratuíta se ofrezan en bares e restaurantes. Cada un deles porá todo o seu esmero para que a súa sexa a tapa que máis eloxios e felicitacións reciba por parte da clientela. Neste eido cómpre sinalar o esforzo e a dedicación que os profesionais dos fogóns poñen en cada edición desta festa gastronómica na que sobresae a orixinalidade e variedade do receitario. 

Ademais do Concello de Ordes, a Festa do champiñón dáse grazas ao esforzo e colaboración de AECOR e da Consellería de Economía e Industria.

Ordes prepárase para revivir a Festa do Champiñón