spacer
O Concello de Ordes pon en marcha unha campaña  de recollida de material para Ucraína

O  Concello de Ordes, en colaboración coa asociación Aga.Ucraína, pon en marcha unha campaña de recollida de material para axudar á poboación afectada pola invasión rusa. Establécense como puntos de recollida de material os baixos da alameda (Rúa Xoxardo), así como os institutos e colexios do municipio. O horario para poder facer entrega das doazóns é de martes a venres de 9.30 a 14.30 horas. Tamén os martes e mércores de 16 a 18.30 horas.  

Entre os distintos produtos que se precisan figuran roupa nova preferentemente térmica e coas etiquetas aínda postas para axilizar o seu paso polas aduanas (luvas, camisetas, calcetíns etc). Tamén se requiren conservas e comida precociñada, así como galletas, chocolate, barras enerxéticas, alimentación para bebés, leite en po etc (evitar envases de cristal). 

Outras necesidades a cubrir son: sacos de durmir, mantas, esteiras, colchonetas, kits de costura, powerbanks, talco, vendas, chalecos antibalas, cascos, lanternas, pilas e baterías, roupa de camuflaxe, tendas de campaña, mistos, chisqueiros,  cordas, chifres,  rede de camuflaxe, botas militares, prismáticos etc.

Tamén se demandan produtos de hixiene persoal e medicamentos como toalliñas húmidas, alcohol, auga osixenada, antisépticos, gasas, soro fisiolóxico, esparadrapo, apósitos, guantes de látex ou vinilo, máscaras etc. 

Así mesmo admítense cintas adhesivas e caixas de cartón para o empaquetado.