Resumo P.O. Novembro 2021. Apoio unánime da corporación ordense ao sector gandeiro.
Audio do pleno
-
O consenso tamén se deu para reclamar medidas que incrementen a seguridade na N-550 ao seu paso por Ordes.
-
Se a situación sanitaria o permite haberá cabalgata e programación de Nadal.
-
Hostaleiros e comerciantes contarán con axudas e campañas de promoción.
Coincidindo co 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o pleno municipal de Ordes iniciouse coa lectura dun manifesto institucional co visto e prace de todos os grupos e concelleiros da corporación. Reafirmouse o compromiso e sensibilidade do Concello ante esta problemática social, destacando aspectos relacionados co rexeitamento de calquera tipo de violencia contra as mulleres e polo incremento de casos de violencia vicaria. Considerado un problema político de primeira orde, insistiuse na importancia das accións globais consensuadas para a súa solución, no reforzo dos programas de prevención e loita, na independencia económica das vítimas, así como no principio de reparación dos danos causados a estas.
Xa dentro da orde do día, o Plan normativo anual municipal saíu adiante cos votos favorables do Goberno Local e do PSdeG-PSOE de Ordes. Tanto o grupo dos non adscritos como o BNG abstivéronse. Dentro da listaxe de plans de organización e funcionamento de nova aprobación figuran o da biblioteca municipal, o de organización de vías e publicidade en espazos municipais, o da instalación de atraccións de feira e o regulamento de control interno de persoal. A maiores, pero aínda en estado de tramitación ao estar pendente a súa aprobación por parte dos técnicos, están o de actividades extractivas de madeira en montes e espazos forestais; así como de conservación e mantemento de vías públicas; o da escola municipal de música; o da piscina do Muíño; e a ordenanza reguladora, de coordinación, seguridade, inspección, control de calidade e finalización de obra municipal. As ordenanzas que sufrirán algún tipo de modificación son as relativas á posesión de animais domésticos e a fiscal de tributos municipais 2022-2023, mentres que as que serán derrogadas atinxen á organización e funcionamento do servizo do banco de tempo e á unidade psicosocial.
O que si se aprobou por unanimidade de todas as persoas asistentes (quince, debido á ausencia dun concelleiro do BNG e un dos concelleiros non adscritos) foi a solicitude da correspondente prórroga á Academia Galega de Seguridade Pública nas competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos de axentes da Policía Local. Un trámite que o ente local xa delegara na Administración Xeral da CCAA de Galicia en xaneiro de 2018 durante un período de vixencia de 4 anos.
Vías de servizo e rotondas.
O Bloque Nacionalista Galego abriu o apartado de mocións instando ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana a realizar os estudos e modificacións pertinentes para incrementar o nivel de seguridade na N-550 ao seu paso polo municipio. Concretamente no tramo que vai dende a rotonda que enlaza O Mesón do Vento coa estrada de Betanzos e a rotonda do polígono industrial de Merelle. Neste último punto tamén demandan adoptar medidas para a redución da velocidade do tráfico rodado. O dito tramo está considerado como un dos máis perigosos dentro da rede de estradas do Estado, situándose no quinto posto do informe elaborado pola EuroRAP (European Road Assesment Program).
O grupo do Goberno Local contou co consentimento dos nacionalistas para engadir outros tres puntos ao texto inicial, solicitando instar ao Ministerio o arranxo de todas as vías de servizo ao longo da estrada nacional, melloras na sinalización horizontal e vertical, e a inmediata modificación orzamentaria para dotar de crédito e posibilitar a execución da rotonda proxectada na entrada de Ordes no PQ 37. No transcurso do debate os nacionalistas engadiron ademais a solicitude para ver completadas as vías de servizo pendentes de construción ao longo de todo o termo municipal.
Finalmente a proposta contou co voto a favor de todos os grupos. Os concelleiros non adscritos mostráronse completamente abertos a calquera estudo en prol da seguridade, mentres que os socialistas destacaron a falta de educación viaria e a importancia de instalar medios que impidan o exceso de velocidade no citado tramo.
Lei da cadea alimentaria.
A problemática que o sector leiteiro está padecendo debido a uns custos de produción elevados e a venda a perdas tamén foi motivo de debate. Toda as forzas insistiron no seu dereito a obter beneficios pola súa actividade e a necesidade de respectar a Lei da cadea alimentaria.
Todas e cada unha das persoas integrantes da corporación emitiron o seu voto a favor á moción presentada polo goberno local do Partido Popular. Nela ínstase ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao cumprimento da lexislación vixente para poder cubrir os custos de produción, a toma en consideración da aplicación Conta Láctea como medio aprobado para o desenvolvemento da Lei da Cadea Alimentaria, e a facilitar a constitución de organizacións de produtores/as axeitadas ao tamaño das explotacións galegas. Tamén se dirixiron ao Goberno autonómico para reclamarlle cooperación entre as administracións públicas na posta en marcha de campañas de concienciación sobre o papel esencial do sector primario dirixidas ao público final, a promoción de produtos lácteos autóctonos a través de marcas de garantía como Galega 100% e Leite de pastoreo de Galicia, a priorizar a licitación de polígonos agrogandeiros de carácter público e a axilizar a tramitación para a constitución do Observatorio Lácteo Galego previsto na estratexia do sector lácteo.
Neste punto, e aínda que nun principio se ía presentar como moción propia, os socialistas finalmente sumaron a súa reivindicación como emenda engadida ao texto dos populares. Así solicítanlle á Xunta de Galicia a que vele para acabar co diferencial negativo do prezo do leite en orixe respecto da media estatal e doutras comunidades autónomas.
Moi críticos foron dende o BNG coas cadeas de distribución alimentaria que utilizan o leite a baixo prezo como produto de reclamo, o que provoca unha redución nos ingresos dos gandeiros e gandeiras.
Ante a pregunta do grupo de non adscritos o alcalde explicou que continúan operando con Abanca xa que a pesar do peche da sucursal no Mesón do Vento conservan unha oficina en Ordes. Tamén aproveitando unha pregunta do grupo socialista, José Luis Martínez Sanjurjo avanzou que entra nos plans do Goberno local a celebración dunha programación de Nadal, da feira de artesanía, da carreira de San Silvestre e da tradicional cabalgata. Todo isto sempre e cando a situación sanitaria o permita. Adiantou o rexedor que de cara a estas festas se lle ten concedida unha axuda nominativa con cargo aos orzamentos de 2021 a disposición da asociación do sector hostaleiro e comercial, ademais de ofrecerlles a posibilidade de participar en programas e campañas de radio sufragadas polo Concello.