Aberta a licitación para a subministración, instalación, posta en marcha e mantemento do servizo wifi en edificios e espazos públicos de Ordes
O orzamento ascende a case 36.000 euros para poder dotar de cobertura á biblioteca municipal, casa da cultura, museo do traxe, alameda, así como para os parques da Constitución e Herminio Rial
A día de hoxe xa se poden consultar as condicións da licitación para a contratación da subministración, instalación, posta en marcha e mantemento dunha rede sen fíos de telecomunicacións na biblioteca municipal, na casa da cultura e no museo do traxe Juanjo Liñares. Cun orzamento base de licitación que ascende a 35.908,79 € (IVE incluído), a intervención englóbase no marco do programa WIFI4EU da Comisión Europea. O obxectivo pasa por ofrecer mecanismos de axuda de cara á prestación de accesos gratuítos a redes Wifi en espazos públicos interiores e exteriores, reducindo así a brecha dixital no eido rural.
O número de puntos de acceso wifi na biblioteca municipal será de 5 (3 exteriores e 2 interiores) ofrecendo cobertura tamén ao parque da Constitución e á alameda, ademais de nas propias instalacións situadas na rúa Xoxardo.
A casa da cultura contará con 3 puntos de acceso wifi (1 exterior e 2 interiores). As zonas de cobertura interior comprenden as aulas e espazos situados tanto no primeiro andar como na planta baixa. O proxecto contempla tamén darlle cobertura ao parque Herminio Rial, lindeiro coa edificación situada na rúa Galicia.
No caso do museo do traxe Juanjo Liñares colocaranse dous puntos de acceso no mesmo edificio, o que dotará de cobertura tanto á sala de conferencias como á zona da biblioteca e de cursos. Tamén se instalará o servizo na piscina do Muíño grazas a dous puntos de acceso situados na zona de vestiarios e enfermería.
O servizo estará capacitado para distinguir a rede wifi pública (70% do ancho de banda) e privada (30% do ancho de banda). Mentres que da primeira poderán facer uso todas as persoas que o desexen, no caso da segunda só poderán conectaranse as/os usuarias/os internos do Concello e persoal autorizado.
Aquelas empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas aos pregos ata as 15 horas do próximo 7 de decembro.