A obra forma parte do programa Outono Cultural organizado polo Concello de Ordes, o cal rematará con Muiñada o vindeiro día 20 

O público de Ordes tivo ocasión de desfrutar dunha nova cita teatral con Conexión Pingüín. Englobada dentro do programa Outono Cultural, organizado polo Concello de Ordes, a peza estivo protagonizada por Luis Iglesia e Marcos Orsi. O auditorio da Casa da Cultura acolleu esta pasada fin de semana arredor dun centenar de persoas que non quixeron perder esta comedia na que se aborda o tema da incomunicación entre os seres humanos e as consecuencias que trae consigo tal situación.

A seguinte cita no calendario figura para final de mes. Concretamente o sábado 20 de novembro ás 20 horas na Casa da Cultura. Nesa data está prevista a posta en escena de  Muiñada. Un texto que narra o encontro que manteñen Sabela e Xacobe cando coinciden no muíño para moer o gran que levan. Unha peza teatral coa que toda a familia poderá rememorar os tempos de antes. 

Cómpre lembrar que para poder asistir será necesario reservar asento no correo electrónico ordescultura@gmail.com, ou ben chamando ao departamento de Cultura ao 981680002 (ext. 4).

Na posta en marcha do Outono Cultural cóntase coa colaboración da Deputación da Coruña, Xacobeo 21-22 e Gadis.

Conexión Pingüín invita a reflexionar en clave de humor sobre a incomunicación das persoas