Running: Unha suorenta comedia foi o título escollido para darlle continuidade esta pasada fin de semana ao programa Outono cultural, organizado polo Concello de Ordes. Arredor de medio centenar de veciños e veciñas achegáronse ata o auditorio da Casa da Cultura para botar unhas risas con esta peza teatral na que unha parella de actores se meten na pel de 20 personaxes diferentes. 

Este próximo venres ás 20 horas será a quenda para a obra Bernarda. Unha peza teatral que conta no seu elenco con Luisa Merelas, Celia González e Sabela Arán. Da súa man reviven este clásico de Federico García Lorca. 

Bernarda conta con varios premios como o de mellor espectáculo, texto orixinal, dirección e actriz secundaria (Celia González) na edición 2020 dos María Casares. Tamén se alzou co premio do público na XLI Mostra de Teatro Galego de Cariño e foi candidata a mellor espectáculo nos Max 2021.

Dende o Concello lembran o requisito de inscribirse previamente para poder asistir de xeito gratuíto á representación. As persoas interesadas deberán facelo mandando un correo electrónico a ordescultura@gmail.com, ou ben  chamando ao 981680002 (ext. 4). Terán preferencia as persoas empadroadas de Ordes. 
   
O programa conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Xacobeo 21-22 e Gadis.

Tras Running: Unha suorenta comedia, o Outono Cultural achega a Ordes a obra Bernarda.