spacer
Ordes licita obras de mellora en distintas vías de Ardemil, Lesta e Mercurín.

Son cinco actuación integradas en un único proxecto cuxo importe total ascende a case 390.000 euros.

O Concello de Ordes inicia os trámites para levar a cabo as obras de arranxo e mellora en distintas vías das parroquias de Mercurín, Lesta e Ardemil. En conxunto o importe desta licitación ascende a un total de 389.634,94 euros.

Concretamente contémplase a reparación de fochas do camiño que vai dende a estrada nacional N-550 nas inmediacións do Brumeiral a Cruz pasando pola Canteira. Aplicarase grava e tratamento asfáltico, ademais dun estendido de aglomerado en algo máis dun quilómetro. Tamén se inclúe o sobreancho nun tramo de 400 metros en ambas as marxes, así como a instalación de 32 metros de barreiras de seguridade no entorno da ponte.

Repararanse as fochas e asfaltarase tamén a pista de Agromaior, en Lesta, ao longo de algo máis de 360 metros, así como o sobreancheado en ambas as marxes nun tramo de 175 metros. Na mesma parroquia, no punto de acceso aos Abeneiros-Penedas, prevese o afirmado con formigón tras a demolición do pavimento existente e a aplicación de grixo ao longo de 60 m.

Na pista que vai dende As Pereiriñas ata o desvío a Pepín e á estrada autonómica AC-409 realizaranse igualmente tarefas de reparación de fochas e asfaltado. En total serán máis de 2,8 quilómetros nos que tamén se sobreancheará un treito de 0,75 metros a cada marxe. Ademais colocaranse 130 metros de barreira de seguridade e outros 12 metros de varanda galvanizada.

Por último na parroquia de Mercurín, concretamente no acceso e no núcleo de Pepín, aplicarase aglomerado en tres treitos de 540, 230 e 845 metros de lonxitude. O proxecto inclúe a execución de un novo pavimento tras demolerse o actual. Ademais instalarase unha tubaxe de 140 metros para a recollida de pluviais e 5 arquetas sumidoiro. 

Todas as actuacións proxectadas inclúen a limpeza de gabias e a correspondente recuperación da sección hidráulica mediante a instalación de tubaxes ou arquetas, así como a colocación de sinais viarios.

O prazo de presentación de ofertas aos pregos finalizará o vindeiro 26 de outubro.