Audio do pleno

Ordes aproba a actualización das taxas de abastecemento de auga e dos sumidoiros

María Concepción Berdomás tomou posesión como nova concelleira socialista. Luz verde para a modificación dos regulamentos da piscina, canceira, terrazas e doutras ocupacións de dominio público, así como ás mocións dos populares sobre o prezo da luz e a dotación de persoal médico no servizo de atención primaria.

O pleno municipal do mes de setembro en Ordes arrancou logo da aprobación da acta da sesión do mes de xullo, coa toma de posesión de María Concepción Berdomás García como nova concelleira da corporación en substitución de Fernando Viqueira Nouche.

Na sesión celebrada este xoves os 17 membros da corporación votaron a favor da modificación contractual nas ordenanzas fiscais reguladoras das taxas pola prestación do servizo de auga potable e dos sumidoiros, aplicándolle así o incremento do IPC (marzo 2020/marzo 2021) estipulado nun 1,3% conforme aos datos do INE. O punto na orde do día foi aproveitado por varios concelleiros e concelleiras para reclamarlle á empresa concesionaria que mellore e incremente a calidade da auga.

A modificación do regulamento da piscina municipal Iván Raña Fuentes tamén contou co respaldo de todos os grupos. Entre os novos puntos que se contemplan figuran que as parellas de feito poidan obter o abono  familiar, a baixa inmediata do servizo tras un período de 2 meses sen aboar a cota ou a preferencia polas persoas empadroadas no Concello no caso de haber límite de prazas.

Cos votos a favor do equipo de Goberno e do PSdeG-PSOE e abstencións dos tres concelleiros non adscritos, sacouse adiante a modificación da ordenanza reguladora das terrazas e doutras ocupacións de dominio público. Votación na que o BNG se opuxo. Con isto as sancións increméntanse ata un máximo de 150, 450 e 3.000 euros segundo se cualifiquen de leves, graves ou moi graves respectivamente. A idea é “equiparalas coas doutras vilas e espazos urbanos similares a Ordes” explicou o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo. Un dos puntos de maior controversia no debate deste punto centrouse na distancia mínima do itinerario peonil que deberá establecerse cando as terrazas se instalen nas beirarrúas. Mentres que a normativa o establece nos 0,90 metros de diámetro, cifra que debería ser superior segundo o grupo de non adscritos, o BNG reclamaba 1,50 metros “para que unha cadeira de rodas poida xirar”. Tamén apostaba a formación nacionalista por instalar as terrazas sobre a beirarrúa garantindo unha separación mínima de 1,50 metros da liña de fachada co fin de facilitar o tránsito de peóns e incrementar a accesibilidade para todo tipo de persoas. Neste sentido os nacionalistas presentaron unha emenda en base á lei 561/2010 do Ministerio de Vivenda sobre o documento técnico sobre a accesibilidade que foi rexeitada pola maioría. 

Por parte do PSdeG-PSOE de Ordes tamén se suxeriu facilitar o labor de vixilancia á Policía Local co pintado de marcas perimetrais sobre as mesmas beirarrúas. Tamén destacaron a importancia que están a ter as terrazas en época de pandemia para moitos establecementos do municipio. Precisamente este foi un dos argumentos esgrimidos polo rexedor para opoñerse á proposta defendida polos nacionalistas, “xa que de aprobarse a emenda suporía que moitos negocios do centro da vila e de outras rúas non puidesen instalar no sucesivo as súas terrazas”, manifestou.

Outro dos puntos nos que todos os grupos estiveron de acordo foi na modificación do regulamento da canceira municipal para poder adaptala á Lei 4/2017 do 3 de outubro sobre protección e benestar dos animais de compañía de Galicia. Deste xeito queda eliminada definitivamente a posibilidade de poder levar a cabo sacrificios. O grupo socialista insistiu na importancia de ter en consideración o tratamento de animais perigosos no regulamento abordado e especialmente no referente aos seguros de responsabilidade civil.

Custo da factura eléctrica
Na primeira das mocións presentadas polo grupo municipal do Partido Popular ínstase ao Goberno Central a adoptar medidas para a rebaixa do prezo da luz. Entre as propostas de acordo que contempla o texto figuran a eliminación e modificación de certos gravames como o Imposto sobre o Valor de Produción de Enerxía Eléctrica (IVPEE) ou o IVE. Tamén a revisión dos tramos horarios ou o establecemento de liñas de axudas que cubran o 100% da factura. 

Aínda que todas as forzas se mostraron partidarias coas medidas, na súa quenda de intervención a voceira  socialista, Carmen Ferreiro, puntualizou que a primeira rebaixa do IVE xa se deu por parte do Goberno Central en xuño, e que se trata dunha problemática a nivel europeo, “a cal xa está en mans da UE para poñerlle freo a toda esta tolemia de prezos”. 

         Máis críticos foron dende a bancada do BNG acusando ao PP “de non facer nada cando gobernaron” e incluso de “lexislar en contra” xa que “a lei do sector eléctrico é do puño e letra do PP, o cal tamén constituíu o IVPEE”. Insistiron na necesidade urxente de poñerlle fin a unha situación pola que “un país ten un ben de primeira necesidade sometido a un capitalismo de casino, estando sometido aos ditames de catro grandes directivos”.

A segunda das mocións dos populares conseguiu igualmente o consenso de todos os integrantes da corporación. Nela instábase novamente ao Goberno Central a facilitar a cobertura de persoal médico na atención primaria. Segundo os populares algunhas das medidas que habería que tomar pasan pola habilitación extraordinaria de centros de saúde para que conten coa acreditación correspondente de cara á formación. O mesmo piden para que os especialistas en medicina familiar e comunitaria poidan exercer como titores de residentes. Asemade, tamén reclaman unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR, a eliminación de limitacións para as taxas de reposición de efectivos, así como o cumprimento dos acordos do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde relativos á acreditación de unidades docentes. A pesar do seu respaldo o BNG demandou mellores condicións para os profesionais da saúde por parte do Servizo Galego de Saúde, co fin de que  moitas persoas da área sanitaria decidan desenvolver o seu traballo no territorio galego “e non marchen para fóra”. 

Arranxo de aparcadoiros
Xa no apartado de rogos, o alcalde avanzoulle á bancada dos non adscritos que en breve se acometerán os arranxos e tarefas de mantemento habituais en diversos aparcadoiros de vehículos situados na vila.  Martínez Sanjurjo achácalles ás chuvias torrenciais caídas nos últimos días o mal estado da superficie adxunta ao rogo de estes concelleiros.

Por outra banda, Susana García informou ao grupo socialista da próxima instalación de sinais con límites de velocidade de 20 km e do  pintado de pasos de peóns nas inmediacións do CEIP O Mesón do Vento.

A colación dun rogo presentado polo BNG, o alcalde manifestou que agarda que ao longo de 2022 poida acadarse a aprobación definitiva do PXOM, considerando “un sen sentido” que pidan facelo público ao atoparse actualmente en tramitación as emendas plantexadas ao documento inicial por parte de diferentes organismos (AXI, Fomento, Deputación, Augas de Galicia, etc), e non contar polo tanto coa necesaria garantía xurídica que se agarda para un documento de esta relevancia. Anunciou que daráselle traslado a corporación previa aprobación provisional cando si se recollan integramente todos os informes sectoriais favorables, especialmente o de avaliación ambiental.

RESUMO PLENO ORDINARIO DO MES DE SETEMBRO DE 2021 (+ AUDIO)