O proxecto da obra ten un orzamento total que ascende a 383.453,54 euros.

O Concello de Ordes vén de publicar a licitación das obras de acondicionamento da Casa da Cultura. En total o orzamento da intervención prevista en esta infraestrutura ascende a 383.453,54 €. Desta cantidade 250.000 € serán sufragados pola Xunta de Galicia en dúas anualidades (2021-22), correndo a conta do Concello a cantidade restante, tal e como se acordara no Consello da Xunta a comezos do mes de setembro.

A memoria do proxecto contempla que actualmente o inmoble presenta diversos problemas derivados dun mal illamento térmico e carece de sistema eficiente en canto a súa climatización. No que ao auditorio se refire presenta tamén mala acústica, ao que se lle suman problemas de visibilidade do escenario dende o palco superior, así como certas deficiencias no ámbito da seguridade.

As obras previstas suporán unha importante mellora nas condicións de eficiencia enerxética. Tamén se levarán a cabo diversas reparacións que afectarán ao  acondicionamento acústico e á climatización.

Deste xeito, tras levantarse o patio de butacas procederase coa instalación do sistema de iluminación por downlights e pantallas LED embutidas no falso teito. Tamén se colocará un novo sistema de climatización a través dunha bomba e recuperador de calor, o cal dará servizo ás distintas estancias a través de condutos, reixas e difusores.

Na zona do palco existente instalarase solo técnico elevado que permitirá unha mellor visibilidade ao público que se sitúe no patio de butacas, mentres que o vestíbulo de acceso contará cun novo pavimento de tarima de madeira laminada. No resto do espazo procederase coa colocación de solo vinílico, falso teito modular de paneis perforados e revestimentos con panel lixeiro de la de madeira nas paredes. Todo isto incidirá positivamente na acústica do auditorio.

A maiores tamén figura a colocación de carpinterías exteriores de aluminio con rotura de ponte térmica, así como a execución de sistemas de illamento acústico e térmico. Para finalizar instalaranse novas butacas.

O prazo final para a presentación das ofertas concluirá o vindeiro 12 de outubro, agardando que as obras comecen na primeira ou segunda semana de novembro e poidan estar rematadas como moi tarde no mes de marzo de 2022.

O Concello de Ordes publica a licitación das obras de remodelación da Casa da Cultura