spacer
Máis de  1.200 € para os transplantados de medula ósea grazas á andaina solidaria que tivo lugar en Ordes

Tivo lugar esta fin de semana cun percorrido de 15 quilómetros.

Esta fin de semana tivo lugar a andaina solidaria Coñece o teu camiño, na que participaron 136 veciños e veciñas e grazas á que se recadaron algo máis de 1.200 euros que se destinaron integramente á Asociación Galega de Transplantados de Medula Ósea.
     
Dende primeira hora da mañá as inmediacións de campo de fútbol do Mesón do Vento comezaron a encherse do público participante. Ás 9 horas iniciouse a marcha con dirección ao Seixo para enlazar co Camiño de Santiago en dirección cara ao lugar dos Carrás, onde finalizou a etapa e tivo lugar o sorteo de agasallos doados polos clubs deportivos A.C. Ordes e S.D.C. Órdenes e polo establecemento Sportec. Outra das firmas colaboradoras foi autocares Rogelio, quen facilitou o traslado en autobús.

A andaina englobouse dentro do programa O teu xacobeo, levado a cabo pola Xunta de Galicia e grazas ao que entidades públicas e privadas poden promover actividades relacionadas co ano santo. 

O principal obxectivo da Asociación Galega de Transplantados de Medula Ósea pasa por prestar apoio ás persoas afectadas polo cancro hematolóxico e ás súas familias. Asemade, realizan campañas de sensibilización e información para facerse doante de medula ósea, ademais de colaborar na investigación contra esta doenza.