O programa arrancou esta fin de semana co espectáculo Ikigai 

O vindeiro mércores o programa Outono Cultural achegará ata Ordes a peza teatral familiar Duncan de palleiro. A historia céntrase no can por antonomasia en Galicia, o de palleiro, o cal adora aos nenos e nenas e cuxas palabras favoritas son amizade, ledicia e liberdade. 

O programa Outono Cultural arrancou este pasado venres. Grazas a el o público ordense tivo ocasión de desfrutar con Ikigai. Un espectáculo no que se dan a man danza, circo, acrobacias aéreas e música. Debido ás condicións meteorolóxicas este trasladouse ao pavillón Castelao I.

As persoas que queiran asistir a calquera dos espectáculos deberán apuntarse con antelación e preferiblemente facendo uso do correo ordescultura@gmail.com. Tamén chamando ao departamento de Cultura ao 981680002 (ext. 4). Terán preferencia as persoas empadroadas de Ordes. Haberá que facilitar o nome e apelidos das persoas asistentes e especificar as datas ás que se queira acudir, así como un teléfono de contacto. En todo momento haberá que facer uso da máscara. 

Organizado polo Concello de Ordes, Outono Cultural conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Xacobeo 21-22 e Gadis.