spacer
O CAMIÑO QUE NOS UNE, andainas polo cultura e o patrimonio na Comarca de Ordes

O proxecto de dinamización “O camiño que nos une”, no que o GDR ASDECOMOR colabora coa AGADER e coa Secretaria Xeral de Política Lingüística, ten como obxectivo vincular o patrimonio natural e cultural coa visibilidade do territorio e da  propia Asociación de desenvolvemento da Comarca de Ordes,ASDECOMOR. 

A proposta consiste na creación dun camiño que una os sete concellos da comarca,dando visibilidade en cada un deles a un espazo patrimonial de interese natural,cultural, histórico, arquitectónico... En cada un destes sete puntos temos programada unha andaina e  unha actividade cultural que servirá para presentar, visibilizar e dar a coñecer ese espazo,  e para amosar as potencialidades e valores propios da Comarca de Ordes como camiño interior. 

O proxecto 'O camiño que nos une' xorde amais nun momento en que a importancia do coidado e a conexión coa natureza medra imparable na conciencia social colectiva polo que o proxecto quere amais contribuír á observación e conservación dos nosos espazos naturais,satisfacendo unha parte da demanda de programación cultural e de usos eco-recreativos do medio rural. Unha iniciativa que se implica na creación de estratexias e programas de turismo responsable na Comarca de Ordes. 

CONECTANDO A COMARCA

A Comarca de Ordes é unha comarca natural formada por sete concellos (Cerceda, Frades, Ordes,Oroso, Tordoia e Trazo) con identidade propia e sentimento comarcal moi definido. Esta ruta con sete paradas, unha por concello, permitirá afondar na cohesión comarcal e na conexión entre territorios, traballar coa historia e a cultura local e promover o coñecemento do propio, do máis próximo.
Tamén se procura a implicación de axentes activos da zona co obxectivo de traballar o desenvolvemento local dun xeito participativo coa estratexia de crear un tecido comarcal, cultural e patrimonial e empresarial, máis forte e duradeiro. 

A ASOCIACIÓN ASDECOMOR, Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes, é unha entidade sen fin de lucro, integrada por un conxunto representativo das institucións e dos axentes económicos da Comarca de Ordes. 
A Asociación nace no ano 2001 coa finalidade de xestionar iniciativas e programas de Desenvolvemento Rural,sendo seleccionada para a xestión da Iniciativa Comunitaria Leader + e como entidade colaboradora de AGADER na xestión do Programa Leader 2007-2013. 

Actualmente xestiona como entidade colaboradora de AGADER, a medida LEADER do PDR de Galicia na Comarca de Ordes. 
Entre os seus obxectivos están promover a dinamización territorial e a mobilización social ou promover a valorización do medio rural en xeral e do seu territorio en particular que é onde se enmarca o proxecto 'O camiño que nos une'

Detalle do programa:  data, andaina e actuación prevista en cada concello

  • Concello de Ordes

    • 1 de outubro

    • 17.00h _Andaina Tramo Camiño Inglés (Buscás_Poulo)

    • 18.00h_Actuación musical con Ailá

  • Concello de Tordoia

    • 2 de outubro

    • 11.00h_Andaina Dolmen de Cabaleiros_Pedra Longa

    • 12.00h_Actuación musical con Ailá

  • Concello de Mesía

    • 15 de outubro

    • 17.00h_Andaina Brañas de Valga

    • 18.00_Actuación musical con Emilio Rúa

  • Concello de Frades

    • 16 de outubro

    • 11.00h_Andaina Pazo de Galegos

    • 12.00h_Actuación musical con Laroá

  • Concello de Cerceda

    • 16 de outubro

    • 17.00h_Andaina Paseo Río Cabancos_Vía Verde

    • 18.00_Actuación musical con Laroá

  • Concello de Oroso

    • 23 de outubro

    • 11.00h_Andaina Tramo Camiño Inglés Río Carboeiro

    • 12.00h_ Actuación musical con Cintaadhesiva

  • Concello de Trazo

    • 23 de outubro

    • 17.00h_Andaina de San Lúcas

    • 18.00h Actuación musical con Emilio Rúa

A reserva de praza e toda a información necesaria para cada unha das xornadas será a través do seguinte enlace: https://reservas.gal/producion/o-camino-que-nos-une/
Abriremos as reservas catro días antes da celebración de cada unha delas, o número máximo de participantes en cada xornada será de 30 persoas e as actividades desenvolveranse cumprindo coa etiqueta sanitaria que a situación actual require. 

Información das formacións musicais participantes:

Ailá é unha proposta inspirada na música tradicional de transmisión oral co obxectivo de facer bailar e de sentir esa enerxía universal feita “de raíces e de ás” pero tamén é unha proposta semántica, un neoloxismo para nomear a esencia emocional do noso pobo presente “nos ecos da memoria de quen nos precedeu”. 
Ailá mergúllanos no universo Folk, ou TRADI como prefiren denominalo eles, cuns impecables arranxos desde as recollidas históricas do saber musical popular. Isto unido á peculiar formación composta por catro músicos, danlle un carácter único achegando unha nova sonoridad ao seu repertorio tradicional. Unha nova proposta que vén do Folk para converterse en TRADI. 
Ademais, Ailá pretende con esta nova proposta artística facer chegar a súa música de raíz ás xeracións máis novas, cunha linguaxe e sons máis próximos sen perder a esencia, achegando unha visión máis ampla do universo musical no panorama actual, creando o seu particular estilo TRADI. 
Estas pequenas sesións musicais nutríanse dun repertorio inspirado en arquivos sonoros, cancioneiros populares e gravacións musicais antigas que entre todas e todos os presentes dábanlle forma e insuflaban vida. 
Co tempo, e a partir destes acordes de creación colectiva, confórmase unha banda co veterano acordeonista e bombeiro Xan Pampín, cunha dilatada experiencia musical en grupos como Radio Cos ou Banda das Crechas, leva o papel de investigador e arranxista do repertorio do grupo. 
As voces e percusións están a cargo de, Manuele Pardo, un músico e gaiteiro con gran experiencia musical en grupos como Os da Porfía, Enxebres de San Lázaro, A Requinta de Xián, AC a Mámou de Luou; e Ángela Carou, unha nova artista de Rianxo que ten unha formación ampla na AC Brincadeira, AC Fogo Fátuo e o Grupo vocal Fonetix. 
Por último, á trompeta e fliscorno, Abel Gañete, que vén doutra das grandes tradicións da nosa terra, as bandas de música, e como músico formouse na Banda de Música Cultural de Teo, Big Band de Marcos Pin e Pablo Castaño, Charanga TNT. 

Laroá nace a principios do ano 2016 inspirados pola búsqueda dunha fusión de música tradi­cional, jazz e ritmos tradicionais da Península Ibérica. Partindo na súa maioría das influenzas da música lusófona e de raíz, adentrámonos nun universo de exploración de novos hori­zontes musicais, nunha viaxe sonora repleta de mestura e variedade. 
Unha banda de World Music que cociña sons con sabor e cor. Unha proposta libre e independente, que reinterpreta as formas e estilos tradicionais, na que o espazo e o tempo conflúen nunha música chea de matices, texturas e ambientes. A sonoridade do grupo flúe a través do amplo ábano tímbrico dos diferentes instrumentos e instrumentistas que a conforman, recollendo pintadas mediterrá­neas, latinas, jazzísticas e tradicionais. Un proxecto froito da inque­danza de seis músicos de diferentes estilos e ampla traxectoria musical, na procura dunha sonoridade e linguaxe propia.
A formación está integrada por : 
Madalena Gamalho Farinha, voz, Anaïs Barbier, voz e percusión, Javi Gdjazz, trompeta, Rafa Morales,  baixo eléctrico, voz e percusión, Antonio “Monano”, teclado, Miguel Fraguas, percusión, gaita e whistle, e Franc Gorriz, batería e percusión. 

Cintaadhesiva é un dúo que podería inserirse no xénero coñecido como “e- poesia” Disciplinas como poesía, música, videoarte e posta en escena reméndanse unhas ás outras nun espectáculo pensado para o directo, pois xorde da intención de apelar á escoita e á visión pero tamén a outras partes sensibles e sensoriais do corpo de maneira que o que se produza sexa unha «vivencia». Ten como base os ámbitos literario e musical, xa que se trata do proxecto orixinal da poeta Silvia Penas e o músico Olsen Manuel Lima 
En directo compoñen o grupo Jesús Andrés (guitarra) e Silvia Penas(voz)

Emilio Rúa, cantautor e músico natural de Ourense con máis de 37 anos adicados á música. Ofrécenos nesta programación un espectáculo sinxelo e directo, cheo de sentimento, sensibilidade e forza. Emilio Rúa interpreta en formato solitario ca súa guitarra e armónica algúns dos máis de 150 temas propios dos seus 10 discos publicados. Así como versións de temas populares comoa a súa recoñecida A Carolina e temas universais.