Haberá que inscribirse nas mesmas instalacións da piscina Iván Raña o martes ou xoves segundo o día que se queira asistir a clase.

O Concello de Ordes abre o prazo para apuntarse nos cursos de natación que se impartirán de outubro a decembro na piscina Iván Raña. Deste xeito as persoas que queiran asistir ás clases dos luns, mércores e venres deberán formalizar a súa inscrición o próximo martes, día 14. Deberán facelo a partir das 9 horas  na mesma piscina. Por outra banda, se se quere asistir ás clases dos martes, xoves e sábados deberán facelo o xoves 16. 

As sesións, levadas a cabo por monitores e monitoras da propia instalación, terán lugar en horario de tarde a partir das 16.30 horas, tendo unha duración de 45 minutos. Haberá clases tanto para menores como para persoas adultas, tendo estas últimas a oportunidade de acudir tamén en horario de mañá os luns e mércores. Ademais, tamén haberá cursos para bebés os sábados pola mañá. 

Para as persoas aboadas á instalación as taxas ascenden a 17,10 e 22,71 euros trimestrais segundo acudan ás clases un ou dous días á semana. Nos casos de non ser socios o prezo será de 34,08 e 45,42 euros respectivamente.

Tanto a piscina municipal como o ximnasio Iván Raña Fuentes retomarán a súa actividade mañá sábado, 11 de setembro. Tras as vacacións do mes de agosto as instalacións seguiron pechadas tras declararse o nivel de alerta máximo en Ordes por mor da repunta de casos de contaxio pola Covid-19. O cambio a nivel medio que se fará efectivo a partir desta medianoite permite a apertura deste espazo.