• O Concello de Ordes vén de achegar un proxecto á Consellería de Medio Rural, para que no PIR de 2021 se execute a mellora do firme en Meitufe de Arriba, na parroquia de Leira. 

  • O proxecto ascende a preto de 48.400 euros, e deberá de contar coa autorización sectorial previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

​Dende o Concello de Ordes remitiuse un proxecto de obras á Consellería de Medio Rural, para que no PIR 2021 se contemple executar a obra de mellora do firme do núcleo rural de Meitufe de Arriba, sito na parroquia de Leira. Proxecto cunha contía de 48.399,83 euros, e prazo máximo de execución de 6 meses. Con carácter previo tamén se está a tramitar a preceptiva autorización sectorial polas afeccións no contorno de bens catalogados ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O proxecto contempla a mellora da capa de rodaxe da pista co afirmado de 865 metros en sete tramos de diferentes dimensións: 35,00x5,00 m; 620,00x4,25 m; 100,00x4,25 m; 25,00x4,25 m; 15,00x4,25 m; 15,00x4,25 m e 30,00x4,25 m, ademais de abanicos de 150 m2, mediante a disposición de 5 cm de aglomerado en quente, logo da aplicación previa de tratamento asfáltico semiprofundo e de 10 cm de grava.

Prevese tamén a instalación de 12 metros de tubo para pluviais corrugado de 400 mm de diámetro xunto con 2 arquetas de rexistro.

Complétanse as obras coa roza e limpeza de gabias a ambas as marxes na totalidade da lonxitude de actuación, a demolición do pavimento existente e o acondicionamento da explanación nos lugares de instalación da tubaxe de pluviais, e o pintado da sinalización horizontal pertinente, así como a instalación de 6 novos sinais verticais de STOP.

 

Solicitada a medio rural a mellora da capa de rodaxe en Meitufe de Arriba