Unha viaxe pola cultura encherá Ordes de música, teatro, xogos, cine, maxia, circo e teatro.

O programa lúdico dirixido a xente de todas as idades desenvolverase dende finais de xullo ata mediados de agosto

Co programa Unha viaxe pola cultura o Concello de Ordes ofrece a posibilidade de desfrutar do verán cunha serie de actividades e espectáculos para todos os gustos.

     Abrindo o programa o 31 de xullo haberá un encontro folclórico na alameda de Ordes a partir das 20 horas. Non será a única cita musical xa que a Banda de Ordes e o grupo infantil a Gramola Gominola ofrecerán  concertos o 7 e 9 de agosto respectivamente.

     O teatro será outro dos pratos fortes. O 2 de agosto Caramuxo Teatro ofrecerá Feo; o día 10 a obra Fíos a cargo de Baobab Teatro; mentres que o día 6 para os máis novos e novas porase en escea A Illa sen tesouro, interpretada por Teatro Ghazafellos. En todos os casos o escenario escollido será a alameda e a hora do comezo as 20 horas.

     Como ven sendo habitual o cine tampouco pode faltar neste programa. Así o 4 e 11 de agosto proxectaranse na alameda ás 22 horas as películas Sonic e Copito de Neve. Por outra banda o 3 de agosto a compañía Circo Chosco porá en escea o seu espectáculo Oh-perá.
Sen dúbida unha das xornadas máis agardadas pola rapazada é o Día do neno. Este ano terá lugar o 5 de agosto, xornada na que a partir das 17 horas o Campo da Feira transformarase nun grande parque repleto de atraccións e actividades lúdicas

O encargado de clausurar o programa será o Mago Teto, que nesta ocasión deixará a todas e todos os presentes abraiados cos trucos incluídos en Alquimia, o seu último espectáculo. Será o día 12 a partir das 20 horas.

     Ao estar limitado o aforo recoméndase inscribirse previamente no departamento de Cultura chamando ao 981680002 (Ext. 4) ou a través do correo electrónico ordescultura@gmail.com. Terán preferencia as persoas empadroadas no municipio. Deberase indicar o nome e apelidos das persoas asistentes e os espectáculos aos que desexen acudir. Cómpre ter en conta que se as condicións meteorolóxicas non son propicias os espectáculos trasladaranse á Casa da Cultura, ou ben ao pavillón Campomaior no caso do Día do neno.

UNHA VIAXE POLA CULTURA 2021