O proxecto inclúe a construción dun muro perimetral e a urbanización de máis de 12.000 metros cadrados. O presuposto da licitación ascende a un total de 234.000 euros

Cun presuposto de 233.945,55 euros o Concello de Ordes vén de facer pública a licitación das obras de urbanización e construción dun muro perimetral no cemiterio do Balado para a súa ampliación. 
  
Inicialmente procederase ao movemento e acondicionamento de terras  nunha explanada de 12.025 metros cadrados, na cal se proxecta a dita  ampliación. O novo muro que constituirá o peche terá 2 metros de altura e unha porta de carpintería metálica. A súa aparencia arquitectónica e cromática permitirá a continuidade e integración co xa existente. 

Respecto ao axardinamento plantarase céspede en máis de 9.000 metros cadrados, acondicionarase a zona interior da glorieta e plantaranse preto de 340 cipreses ao longo da zona perimetral. 18 bocas de rega automáticas axudarán a manter toda esta vexetación nas mellores condicións.

En canto ao sistema de abastecemento instalaranse 230 metros de tubaxe e unha ducia de fontes con acabado de aceiro inoxidable. As pluviais contarán con outros tantos metros de tubaxe e doce pozos de rexistro con sumidoiros. 

Para o sistema de iluminación colocaranse 330 metros de canalización, seis arquetas e 16 farois ornamentais estilo clásico con luz tipo LED, dos cales doce irán sobre columnas de fundición.

Asimesmo, o Concello avanza que está ultimando a redacción do proxecto para a construcción de unha nova mazá de panteóns que ocupará xa unha parte de esta ampliación, posto que existen mais de 70 reservas pendentes de dar cumprimento na actualidade.

En outra orde, a volta do verán reiniciaranse os contactos e reunións cos propietarios das mazás que non teñen cuberta a dúas augas ao fin de retomar os acordos que posibiliten a execución das obras e tratar de lograr que se poidan levar a cabo as tan demandadas actuacións por parte de maioría dos titulares de dereitos nas seis mazás obxecto de xuntanzas ao remate do ano 2019. Recordase aos titulares actuais que no caso de que se executen as obras, o período vixente de concesión ampliarase como xa foron informados, ao fin de que teñan consolidados os dereitos de cesión por 50 anos dende o remate das obras de mellora propostas, e que foran valoradas en 1.000 euros por cada columna de 4 nichos.

Iniciados os trámites para a ampliación do cemiterio municipal de O Valado en Ordes