Aprobado por unanimidade o crédito extraordinario por importe de mais de 2 millóns de euros
-
En informes de alcaldía deuse conta da dotación do centro de saúde de Ordes da unidade de saúde mental.
-
A primeira modificación de créditos do remanente de tesourería do ano 2020 irá destinado a 8 actuacións, a complementar o PEL-reactiva e ao Plan de Hostalería da Xunta de Galicia.
-
Acordo total na moción do BNG sobre a petición do remate das concentracións parcelarias abertas no municipio.
O pleno ordinario do mes de abril, coa única ausencia da concelleira do BNG, dona María-Jesús Regueiro, celebrouse de xeito presencial na casa da cultura sita na Rúa de Galicia. Comezou como é preceptivo co punto primeiro de aprobación da acta da sesión anterior de data 25 de marzo.
Informes de alcaldía: unidade de saúde mental no centro de saúde.
No punto segundo o alcalde tomou a palabra na quenda de informes de alcaldía, para dar conta da creación por parte do Sergas de unha unidade de saúde mental desde a vindeira semana no centro de saúde de Ordes. Un novo servizo no ámbito da atención primaria en horario de tarde, que contará con cinco profesionais (1 psicólogo, 2 psiquiatras, 1 enfermeiro e 1 traballador social). O servizo ocuparase da prevención, avaliación, diagnóstico, tratamento e rehabilitación de trastornos mentais e do comportamento. Unha mellora que o equipo de goberno agradeceu a Consellería de Sanidade e a dirección do centro de saúde da localidade.
Aprobación inicial expediente de modificación de créditos.
Tramitada a liquidación dos orzamentos municipais do ano 2020, que deixou un remanente líquido de tesourería para gastos xerais por importe de 3,6 millóns de euros, o grupo de goberno presentou para aprobación inicial unha primeira modificación de créditos do remanente de tesourería do ano 2020 que irá destinado a 8 actuacións, a complementar o PEL-reactiva e ao Plan de Hostalería da Xunta de Galicia.
O suplemento de crédito extraordinario alcanza a contía de 2.018.467,11 euros.
Do total 110.000 euros dotarán contía para financiar a convocatoria de axudas para aqueles solicitantes que non puideron ser obxecto de subvención ao abeiro do PEL-Reactiva para a reactivación económica e social, pois as axudas inicialmente só se resolveron ata o crédito dispoñible indicado pola Deputación da Coruña.
A contía de 90.000 euros para a adhesión do Concello de Ordes ao II Plan de rescate para o sector da hostalería da Xunta de Galicia.
E o importe restante por 1,8 millóns de euros, a 8 proxectos que se detallan a continuación:
- Camiño da N-550 ao Porto (Ardemil) e outros, por importe de 389.634,94 euros.
Actuacións nas parroquias de Lesta e Mercurín: pista de Agromaior, Penedas, a que comunica Lesta coa AC-409 (estrada de Cerceda), así como os accesos e interiores no núcleo de Pepín e o camiño da N-550 pasando pola Canteira ata o Porto en Ardemil. - Humanización Rúas Casavella e Camposanto, e senda en Guindiboo, por importe de 374.256,59 euros.
Contempla a humanización das rúas Casavella e Camposanto, na vila de Ordes, incluíndo a renovación integral do saneamento e do abastecemento. O afirmado da rúa Alfredo Brañas, e continuar a senda da N-550 en Guindiboo ata o desvío de Fosado, polo que con esta fase executada se podería ir dende a vila ata Guindiboo de Abaixo. - Saneamento Castiñeira, abastecemento de Raxide e Darefe e outros, por importe de 364.592,55 euros.
En este caso, actuarase nos dous núcleos de Orellán de Abaixo en Ardemil ao fin de resolver a recollida de pluviais e dotar da previsión da rede de abastecemento, na pista da Espenica, do Regueiro ata o Vilar e da Castiñeira, executando a súa vez o sistema de saneamento de augas residuais que resta en este entorno que irá provisto de dous pozos de bombeo. Inclúe tamén o abastecemento público a todo o núcleo de Raxide e de Darefe, así como tres actuacións de afirmado con aglomerado no lugar de O Casal e Campomaior. - Beirarúas en Mámoas e outros, que ascende a 315.973,89 euros.
10 actuacións forman parte de este proxecto. En Vilamaior afirmado dos núcleos de O Casal, Marchás, Escola, Patrocelos, Merlís, Cesteña e Adrán. En Parada a pista do Castro. En Mercurín, a de Guntín. E en Pereira, o camiño a Pedra desde o local social. Completan a actuación as beirarúas no núcleo de Mámoas (Ardemil), coincidindo con un tramo do Camiño Inglés polo municipio. - Peche perimetral e urbanización do cemiterio do Balado, por importe de 233.945,55 euros.
Toda vez que existe xa un número suficiente para levar a cabo unha ampliación do cemiterio coa execución de unha nova mazá de panteóns, compre previamente realizar a urbanización do mesmo. - 3 proxectos menores, consistentes en afirmar con aglomerado o vial e núcleo de acceso a Ermida (Bean), a extensión da rede de abastecemento a Vilagudín (Lesta), e dotar de beirarúas a ambas marxes por motivos de seguridade viaria do acceso dende a N-550 ata o cruce de Menlle e a Pedreira, na parroquia de Leira.
O Psoe, anunciou unha abstención en este punto, pero finalmente optou por votar favorablemente.
UxO, mencionou que se recollían obras que compartían, pero botou en falta actuacións en materia de mellora da calidade das augas, e que as axudas a xente afectada pola pandemia chegan tarde ao seu entender, ou que a modificación non se tivese feito con anterioridade (cuestión esta que non podía ser, pois estaba condicionada a previa liquidación do exercicio 2020, tal e como lle explicou o alcalde na réplica).
O BNG dou un si crítico, baseado en que eran partidarios de unha maior contía na modificación dos créditos que posibilitan actualmente a ausencia de cumprimento das regras fiscais, e dotar con ese importe mais servizos básicos no rural, ou investir en maquinaria, e no propio auditorio da casa da cultura.
O alcalde agradeceu a unanimidade, e pediu prudencia a hora de gastar o remanente, pois son varias as actuacións para as que se ten solicitada cofinanciación, e hai que ter dispoñibilidade de fondos para acometer obras como a mencionada da reforma da casa da cultura, a gardería pública na vila, o saneamento e abastecemento no Canedo, ou o abastecemento de Penelas e Vilaverde; obras todas estas que agardan poder executar en este mandato 2019-23.
Bonificación ICIO explotación gandeira.
A bonificación do ICIO das obras de unha explotación gandeira en Barbeiros, foi tamén aprobada por unanimidade dos 16 concelleiros asistentes a sesión.
Mocións.
A única moción debatida en esta sesión, foi por parte do BNG, para a petición a Xunta de Galicia do remate das concentracións parcelarias abertas no municipio, acadando igualmente o voto favorable dos asistentes ao pleno.
No mesmo día en que o Consello da Xunta aprobou o decreto da concentración parcelaria de Poulo, coa nova METAGA, o pleno ordense, acordou solicitar o remate das que a día de hoxe se atopan sen finalizar, así como completar a información que falta na oficina virtual sobre os procesos de Buscás, Vilamaior-Barbeiros II e Leira. Conforme ao indicado polo alcalde, xa se están a levar a cabo as actuacións necesarias para o seu remate, e todas elas teñen xa a toma de posesión dos novos predios. A zona de Bean-Pereira ten previsto a entrega de títulos antes do remate de este ano 2021, Mercurín-Lesta II cos axustes alfanuméricos para logo tramitar os títulos, Parada II vai contratar a colocación dos marcos dos recursos que modificaron o acordo, en Buscás II rematándose a validación gráfica para poder proceder a protocolización, Montaos II ten solicitada a firmeza do acordo, e Vilamaior-Barbeiros II prevista a entrega de títulos no primeiro semestre do ano 2022.
Rogos e preguntas.
O Psoe, reconverteu en rogos as 3 mocións presentadas inicialmente por vía de urxencia, sobre a prevención da ludopatía (especialmente na mocidade), sobre o protocolo de vacinación do persoal dos centros educativos públicos, e sobre a mellora do sistema sanitario público de Galicia. Todas elas foron aceptadas e matizadas pola concelleira de política social, dona Susana García Gómez. A mesma formación política formulou unha pregunta para que o concello poida tratar de regularizar os viais en Vilar, co trámite de adquisición de un inmoble que provoca un estreitamento da vía, cuestión esta que xa está en análise ao fin de que poida tratar de formalizarse a compravenda do inmoble de acadar un acordo cos propietarios.
O grupo político de UXO, formulou a súa vez varios rogos e unha pregunta. Solicitou instalar trampas para velutinas, arranxo de fochancas en O Casal, e a creación de un espazo de estudo e formación. A pregunta cuestionou o prazo para o posta en funcionamento do centro sociocomunitario Isabel Zendal, o cal está previsto para o remate de este verán co remate do equipamento interior.
Dende a bancada do BNG, o 1º rogo, foi para comunicar a existencia de residuos localizados como vertedoiro, e un 2º para pedir o desbroce e acondicionamento da rede viaria secundaria da parroquia de Ardemil, a cal vai formar parte este ano 2021 do convenio coa Xunta de Galicia de prevención e defensa contra incendios forestais, e se prevé executar nos meses de xuño e xullo. En canto a pregunta, foi para interesarse pola actividade do consello escolar municipal e os informes anuais pendentes sobre o estado do ensino no municipio, a cal foi respostada pola concelleira delegada da área, indicando que non se retomou a actividade, e os informes irán aparellados a nova convocatoria que proceda do mesmo.