Audio do pleno

  • O remanente de tesourería do exercicio 2020 do Concello de Ordes ascende a 3.597.290,46 euros.

  • No punto de informes de alcaldía deuse conta da liquidación do exercicio económico de 2020, cun resultado orzamentario positivo de 1.081.917,86 euros, remanente positivo de 3.597.290,46 euros, volume de débeda viva de 693.332,50 euros, e un período medio de pago a provedores a 31 de decembro en 1,47 días. 


O pleno ordinario do mes de marzo tivo lugar de xeito presencial na casa da cultura sita na rúa de Galicia. Comezou como é preceptivo co punto primeiro de aprobación da acta da sesión anterior do día 25 de febreiro.

Informes de alcaldía: liquidación dos orzamentos municipais de 2020. 

No punto segundo o alcalde tomou a palabra na quenda de informes de alcaldía, para dar conta da liquidación dos orzamentos municipais do ano 2020, conforme ao contido do decreto asinado o pasado 26 de febreiro de 2021. As magnitudes máis salientables son: resultado orzamentario positivo por importe de 1.081.917,86 euros, remanente de tesourería positivo por importe de 3.597.290,46 euros, aforro neto legal positivo por importe de 2.132.168,62 euros; e a pesar de estar suspendidas as regras fiscais para 2020 e 2021 por acordo do Consello de Ministros en outubro de 2020, o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria con superávit de 1.314.498,84 euros, cumprimento do obxectivo da regra de gasto de 803.349,16 euros en correspondencia co plan económico financeiro, cumprimento do límite de débeda que segundo o protocolo de déficit excesivo é de 639.332,50 euros, e cumprimento do período medio de pagamento da débeda comercial que se situou a 31 de decembro de 2020 en 1,47 días.

Mocións.

A única moción presentada a esta sesión foi por parte do BNG, sobre a demanda para a implantación no Centro Comarcal dunha escola infantil da Galiña Azul. Non apreciada a urxencia, polo equipo de Goberno, a concelleira de Educación e Política social, Susana García, agradeceu a formulación desta, pois o seu fondo é máis preciso que nunca á hora de cubrir o peche dunha das garderías privadas que existían no casco urbano, e que non xurdiron novas iniciativas privadas para reactivala.

A concelleira avanzou as negociacións que se están a levar a cabo coa Consellería de Política social, co fin de formalizar un convenio de financiamento nos vindeiros meses, que posibilite ter a nova gardería, dando como data posible o comezo do ano 2023.

Os técnicos, na elaboración do anteproxecto e valoración, dadas as poucas opcións de solo compatible para dotación de equipamentos das vixentes normas subsidiarias, tamén analizan como unha posible localización o edificio do antigo centro comarcal, se ben xa avanzaron que en canto á superficie non tería problema, pero sería preciso unha ampliación e unha reforma considerable. Máis tendo en conta a distribución en despachos primitiva do edificio, e os novos creados en espazos abertos a comezos do ano 2015.

Rogos e preguntas.

O PSOE, formulou un rogo en relación á sinalización do Museo do traxe, e outro para o arranxo da estrada no Seixo (Ardemil). A resposta do Goberno ao 1º foi a de que se está a analizar a adaptación á Lei 7/2021 e, no 2º, que é unha obra aprobada no pleno de xaneiro para o POS+2021 complementario, e que con anterioridade a partir do 5 de abril comezarán os labores de reparación de fochas nas vías de titularidade municipal.

O grupo político de UXO formulou á súa vez varios rogos e unha pregunta. Solicitou habilitar unha área de recreo para cans, que coincide cunha pregunta posterior do BNG, e que a concelleira de Medio Ambiente na quenda de resposta, Ana Soneira, facilitou como opción viable a zona verde do parque empresarial, así como conforme recolle a normativa todas as sendas e camiños do ámbito rural, sempre e cando o animal libre non ocasione danos, molestias, nin riscos a persoas, outros animais ou cousas. En materia de obras, a reparación da pista do Bidueiro a Raxide pasando por Darefe, e a que comunica a N-550 en Leira, co Porto en Ardemil; ambas xa valoradas e pendentes de incorporación a plans, orzamentos ou remanentes, para a súa execución, e que igualmente serán obxecto de tratamento superficial coa reparación de fochas a comezar no vindeiro mes. A pregunta desta formación política versaba sobre as axudas económicas concedidas desde o concello con motivo da COVID-19, ás cales a concelleira, Susana García, deu resposta que non pode ofrecer unha cantidade concreta, pois está en tramitación o peche do PEL-Reactiva e a achega ao 2º plan de rescate da Xunta de Galicia, á parte das exencións directas en lixo nos períodos legalmente establecidos, nas terrazas en dominio público, ou o convenio de 2020 e un novo en tramitación para 2021, coa Asociación de empresarios e comerciantes da comarca de Ordes. 

Dende a bancada do BNG, o 1º rogo foi pedir acometer a roza no contorno da Torre de Morgade (Ardemil), da cal se dará traslado a Medio Rural; e de melloras nas obras de peonalización da rúa do Muiño en execución e sen rematar, de colocación de varandas nas escaleiras,  e mellora da accesibilidade ao carón do rego da Fraga. A petición dun novo sistema de pechadura do local de ensaio dos baixos da alameda e dotación de material foi aclarada tamén pola concelleira, Susana García, facendo referencia a que se ten un control da chave e que se presente unha proposta de material polos usuarios e usuarias co fin de que poida ser valorada a súa adquisición. Tamén se deu conta da petición de melloras para o centro de saúde achegando fotografías de varios danos interiores, dos cales xa é coñecedora a xerencia do Sergas por ter sido trasladados polos responsables da dirección do centro. E a pregunta da discrepancia no deslinde entre o PXOM e o IGN no núcleo de Folgoso, e que afecta a unha obra no límite entre Ordes e Oroso, foi aclarada polo alcalde en base ao contido do propio PXOM para ambos os concellos (vixente en Oroso e aprobado inicialmente en Ordes), e dos planos do deslinde do ano 1947, como que non existe problema dado que conforme informou sempre o equipo redactor existe unha banda de flutuación que posibilita colocar o límite na propio vía, o cal está recollido na rede viaria do PXOM de Oroso, dentro do plano IG-2. Esta situación non é única no núcleo de Folgoso (Pereira), pois atópase tamén presente en máis discrepancias actuais de límites con outros concellos no perímetro final do novo PXOM en tramitación, concellos aos que se lles deu traslado no trámite de informes sectoriais e doutros organismos afectados.

 

RESUMO DO PLENO ORDINARIO DO MES DE MARZO 2021.