spacer
NOVAS MEDIDAS A APLICAR NO CONCELLO DE ORDES CO PASE AO ESTADO DE ALERTA MÁXIMA.

Conforme aos datos facilitados e #contrastados no día de hoxe, por parte da comisión municipal de seguimento <CMS> da  COVID-19, logo da reunión mantida por  videoconferencia cos representantes da Consellería de Sanidade e cos Alcaldes da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, onde se deu conta da situación epidemiolóxica actual, cómpre INFORMAR:

Vixencia: Dende as  00:00 horas do día 21/01/2021.

DECRETO 5/2021, DO 19 DE XANEIRO, POLO QUE SE MODIFICA O DECRETO 202/2020, DO 3 DE DECEMBRO. 

ORDE DO 19 DE XANEIRO DE 2021, POLA QUE SE MODIFICA A ORDE DO 3 DE DECEMBRO DE 2020. 

Á vista da evolución da pandemia nos últimos días en Galicia e tendo en conta que o Concello de Ordes depende da área sanitaria de Santiago (396 novos casos e 10 falecidos nas derradeiras 48h, 132 hospitalizados -26 UCI-), acordáronse por parte da Comisión Municipal de Seguimento (CMS) medidas que aparecen redactadas a continuación, sen prexuízo das demais limitacións de obrigado cumprimento impostas pola autoridade sanitaria e publicadas no BOE e/ou DOG:

TODAS ESTAS MEDIDAS ENTRARÁN EN VIGOR ESTE XOVES 21 DE XANEIRO DE 2021 dende as 00:00 horas.

  1. ATENCIÓN AO PÚBLICO NO CONCELLO DE ORDES: A atención da veciñanza nas próximas semanas será priorizando os medios telefónicos e telemáticos. Para os casos excepcionais onde a cidadanía teña que acudir presencialmente a calquera departamento na casa consistorial, será polo sistema de cita previa no teléfono 981 680 002.

  2. SUSPENSIÓN DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS E CULTURAIS.Todas as actividades que se desenvolven en instalacións municipais (pavillóns polideportivos, locais sociais, cidade deportiva de Vista Alegre etc) por parte de clubs ou asociacións quedan suspendidas ata novo aviso.
    Nota: no caso de deporte federado permitirase excepcionalmente e baixo a  autorización previa do departamento municipal de deportes o adestramento individual, ou en grupos de máximo de 4 persoas.
    A Xunta de Galicia vén de decretar a suspensión temporal de toda competición de carácter autonómico.

  3. PISCINA MUNICIPAL IVÁN RAÑA FUENTES. Mantense aberta a totalidade da instalación co horario adaptado ao toque de queda vixente. Respectaranse as indicacións dos/as monitores/as e demais persoal da instalación para o desenvolvemento das actividades permitidas, cumprindo en todo momento as normas e restricións vixentes para o uso axeitado da instalación.O/a usuario/a que non teña previsto empregar a instalación por un tempo determinado, sempre cun mínimo de 15 días, pode solicitar a suspensión temporal da cota de abonado/a, manténdoselle todos os dereitos para a reincorporación ao abono cando o estime, sen ter que pagar unha nova alta de usuario/a, e séndolle compensada a remesa (total ou parcial) xa integrada nas arcas municipais.Os cursos de natación iniciados e en marcha seguirán operando, sempre coas medidas adaptadas á nova situación de alerta máxima; tendo en conta que os/as asistentes deberán adaptar a súa asistencia ao peche perimetral e ao toque de queda.Dentro da piscina o uso de vestiarios é exclusivamente para cambiarse, e en ningún caso se poden usar as duchas ou outros elementos comúns.

  4. MERCADO LOCAL E FEIRA DA ADINA.Por parte da policía local extremarase a vixilancia do cumprimento das medidas sanitarias, así como o control necesario co fin de evitar aglomeracións e que, conforme ao peche perimetral, tan só poden asistir habitantes do municipio de Ordes.

  5. VIXILANCIA E CONTROL DE AFOROS. As medidas máis restritivas que afectan á hostalería e ao comercio, así como a outros establecementos, obrigaron a moitos negocios a pechar temporalmente. Ante o risco de que haxa concentración de persoas de distintas procedencias alí onde os establecementos se manteñen abertos, o cal fai que o respecto á normativa pase a ser aínda máis importante; a Policía Local está á disposición dos establecementos dende as 8h ás 21:45h -todos os días- para colaborar en que se fagan cumprir as normas alí onde se necesite, contacto nos teléfonos 981 682 047 e 676 975 533.

  6. LIMPEZA E DESINFECCIÓN. Reiniciarase e intensificarase a limpeza e desinfección das zonas máis transitadas do municipio.

  7. SISTEMA ORA (ZONA AZUL). Temporalmente e mentres dure o estado de nivel máximo no termo municipal de Ordes, o control horario efectuarase para a totalidade da zona azul existente única e exclusivamente mediante o emprego de disco (ou indicador válido que o substitúa), cun tempo máximo regulado de 90 minutos de estacionamento permitido dende a hora de chegada.

  8.  PARQUES INFANTÍS. Durante a vixencia do estado de alarma, todos os parques infantís e zonas de xogo en espazos abertos existentes no termo municipal, ante un maior risco e posibilidade de contacto, permanecerán pechados ou precintados.

Dar conta que o Concello habilitará partidas orzamentarias que permitan tramitar ao longo do ano 2021 diferentes axudas aos colectivos máis desfavorecidos pola pandemia e as restricións derivadas desta e existentes na actualidade, instando ás diferentes administracións, tanto provincial, autonómica como estatal para achegar co carácter máis inmediato posible fondos destinados ao seu cofinanciamento.

Rógase a toda a veciñanza que se eviten as exposicións á Covid-19, e recoméndase o confinamento voluntario. Atopámonos nun intre no que é necesario e máis importante ca nunca que se manteñan as distancias sociais e se respecte en todo momento o uso da máscara.

Máxima precaución por parte de todas e todos, tanto no ámbito público coma no privado.

Moi importante, á súa vez, extremar todas as precaucións e limitar as saídas innecesarias e os encontros sociais á vista da evolución dos datos sanitarios -moi preocupantes-, especialmente durante o que resta do presente mes de xaneiro e o vindeiro de febreiro.

Agardamos e desexamos unha pronta recuperación satisfactoria de todos os casos activos do noso municipio, e que co esforzo de todos e todas consigamos dobrar a curva.