• A situación económica do Concello de Ordes xunto coas novidades nas regras de control fiscal para o vindeiro exercicio, permitiralle afrontar ao goberno local un ano 2021, no que agardan seguir a transformar as infraestruturas da vila e das parroquias en beneficio da veciñanza.
  • Dende xullo de 2015, en que mudou o goberno local, a situación da xestión económica municipal dou un xiro de 360 grados. Pasouse de 5,2 millóns de débeda bancaria a pouco mais de 700 mil euros, e de atopar 600.000 euros de facturas sen crédito orzamentario no caixón, a ter os pagos ao día e unha tesouraría nas contas da entidade que ascenden a mais de 5,22 millóns de euros.
  • Logo de ter incrementado as axudas e aportacións directas a Mancomunidade en mais do 250%, de un xeito especial na emerxencia social e nos servizos básicos; logrouse igualmente acadar cifras de máximos investimentos con actuacións nas infraestruturas e equipamentos da vila e en todas as parroquias. 
  • En 2021 executarase a Vía Verde para poder achegarse a Santiago camiñando ou en bici; e comezarán os traballos previos da Rolda Oeste, unha actuación que permitirá sacar o tráfico pesado do barrio do Recreo.

O goberno local de Ordes da coñecemento do peche de un exercicio, que estando marcado pola COVID-19, permitiu que a maioría absoluta da que obtiveron a confianza en maio de 2019, se puidese materializar en mellorar a xestión económica das arcas municipais, incrementar as axudas directas a Mancomunidade de Ordes, e lograr un aumento significativo dos investimentos en infraestruturas e equipamentos.

Estado económico-financeiro.
En xullo de 2015, cando tomou posesión por vez primeira da alcaldía, o goberno do partido popular en minoría, a situación económica e financeira amosaba unha débeda bancaria de 5,2 millóns de euros, aos que había que engadir mais de 600.000 euros de facturas no caixón, pendentes de pago, por carecer de consignación orzamentaria no exercicio 2015. A decembro de 2020, a situación anterior mudou de tal xeito, que a débeda bancaria actual se sitúa en unicamente 705.125 euros, e o estado de tesouraría para facer fronte as obrigas da entidade ascende a cantidade de 5.222.967,34 euros. Todo isto froito de unha xestión eficaz e a base de negociacións e novas licitacións de contratos que supoñían unha carga importante no capítulo de gastos. Especialmente significativa para o ano 2021, vai ser a aplicación da rebaixa no coste do suministro eléctrico para os dous vindeiros exercicios, que logo da licitación en 2 lotes, acadou unha baixa nos prezos superior ao 20%.

Axudas directas e máxima aportación a Mancomunidade de Ordes.
O orzamento do ano 2020 incrementou as axudas para material escolar ata os 31.000 euros, as axudas individuais a deportistas a 8.000 euros, deu continuidade a bolsa de axudas á natalidade por importe 24.000 euros (cheque bebé); e un novo e importante incremento dos fondos destinados á Mancomunidade, isto é, a servizos sociais e actuacións de emerxencia social. Neste último eido os créditos incrementáronse nos últimos cinco exercicios desde os 85.270,66 € do 2015 ata os 300.000,00 € no 2020, o que supón un 251,82% mais. 
A Asociación de Empresarios e Comerciantes da Comarca de Ordes (AECOR-CCA, que inclúe a negocios, empresas, comercios, hostaleira, etc.) recibiu unha subvención nominativa por importe de 66.000,00 € para axudarlles a revitalizar o sector trala crise. Con estes fondos e as axudas recibidas por parte da Dirección Xeral de Comercio dependentes da Xunta de Galicia, conseguiron poñer en marcha campañas moi atractivas, desenrolar unha app para a hostalería, e un marketplace pendente de presentar ao público.
No eido deportivo e cultural, mais aló das inversións en instalacións e equipamentos, as axudas directas as entidades incrementáronse todas as de exercicios precedentes ata alcanzar os 50.300 euros.

Investimentos en infraestruturas e equipamentos, contratación municipal.
O orzamento do ano 2020 aprobado inicialmente no pleno ordinario do mes de xuño, e que entrou en vigor a finais de xullo, tiña unha previsión para o capítulo 6 para actuacións produtivas en estradas, saneamentos, abastecementos e instalacións ou equipamentos municipais de 2.306.624,33 €, o que supoñía o 23,15% dos orzamentos municipais.
A execución de estas partidas acadou un alto porcentaxe en todos os sentidos, e co remate do ano podemos celebrar que se acometeron actuacións por unha cantidade sensiblemente superior a consignada entre as que cabe destacar: instalacións de novas marquesiñas para as rutas de transporte escolar; execución de camiños en aglomerado e asfalto en todas e cada unha das parroquias, así como renovación de tramos en moi mal estado nas rúas da propia vila de Ordes; a senda peonil en Vilariño (Buscas), pendente de rematar en 27 metros pola negativa dos propietarios lindeiros, e o traslado dos postes de telefónica contratados no mes de outubro, e que a empresa non ten resolto;  reconstrución do muro do cemiterio de Leira; adecuación do foso de salto de lonxitude de Vista Alegre; humanización e nova iluminación do campo da feira do Mesón do Vento; remate do campo de herba artificial de Santa Cruz de Montaos dotando de iluminación LED; completar o abastecemento de Fosado en Montaos; remate da reforma integral no pavillón do CEIP do Mesón do Vento, e colocación de extractores para evitar a condensación do pavimento vinílico; acometéronse dúas fases financiadas polo IDAE que permitiron cambiar a LED mais de 800 luminarias da vila de Ordes e de varios núcleos de poboación nas parroquias; instalación solar térmica de ACS na piscina climatizada Iván Raña Fuentes, complementada coa mellora do ximnasio, e pequenas actuacións nas salas de actividades e vestiarios; montaxe de maia metálica sobre o cauce do río Mirón no Campo da Feira; renovación de beirarúas e canalizacións soterradas en boa parte do parque empresarial de Merelle; substitución de tubaxes en A Gorita (Buscás), así como en Zampaño e Tras do Río (Mercurín); mellora da rede de pluviais na rúa Galicia; melloras e iluminación LED no acceso a igrexa de Mercurín; resolver varios tramos de farolas no rural que estaban a tanto alzado; climatización do centro sociocomunitario Isabel Zendal de Ordes; comezo das obras de peatonalización e humanización da rúa do Muiño (tramo Rúa Compostela a Parque Municipal); beirarúas na travesía en Montaos para poder eliminar as perigosas reixas ao marxe dereito da N-550; recuperación integral do Muiño Novo en Vilaverde e posta en valor do roteiro do río Mercurín; creación de áreas de descanso en Cabeza de Lobo e A Rúa, para os peregrinos; substitución da Edar de Lavandeira por un bombeo incluíndo melloras no firme en Ceidón; execución de caseto e colocación de xerador nos depósitos para evitar os cortes de luz que afectaban a calidade da auga do subministro do Mesón do Vento; abastecemento de auga dende a Reboira a Cabeza de Lobo; adquisición de vehículo híbrido para a policía local; abastecemento auga potable ao Outeiro dende Lavandeira (Poulo); parque infantil na Adina Vella e na Espenica; 2ª fase de beirarúas no Casal; construción de unha pista de lanzamento de xavelina financiada pola SX do Deporte; modernización do arquivo municipal coa contratación de arquiveiros e instalación de armarios compactos móbiles; adquisición da finca 692 da concentración parcelaria de Mercurín, para aparcamento e campo da festa; mellora do cruce de acceso ao centro de saúde, con ampliación de beirarúas, etc.

Infraestruturas executadas e comprometidas pola Xunta de Galicia.
No ano 2020 iniciouse e completouse por importe de 640.000 euros a senda que comunica a vila de Ordes co albergue de peregrinos en Outeiro (Poulo) todo ao longo da AC-524. 
Así mesmo iniciáronse os trámites coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para a redacción do proxecto, contratación e posterior execución da Rolda Oeste que vai comunicar a N-550 a altura das Casillas coa AC-413 en O Empalme, e que se agarda poida estar executada no ano 2023. Trátase de un vial de 2 kms. que ten como fin principal sacar o tráfico pesado do barrio do Recreo. Un vial de dobre sentido que a vez dará un segundo acceso ao tanatorio e punto limpo, e vai ir dotado tamén de senda peonil e carril bici, xerando mais espazos de mobilidade sostible para a veciñanza de Ordes.

Vía verde Cerceda a Santiago de Compostela.
Outra infraestrutura de relevancia a piques de ser adxudicada, vai a ser a que posibilitará a execución da vía verde que comunicará Meirama en Cerceda con Santiago de Compostela, aproveitando o antigo trazado da vía de ferrocarril. Unha actuación cuxa encomenda xestiona integramente a Deputación da Coruña para os concellos de Ordes, Oroso, Cerceda e Tordoia; sendo financiada ao 80% polo IDAE, e que agardamos esté completada e a disposición dos veciños de cara o verán do vindeiro ano Santo e Xacobeo 2021.
 

Ordes pecha o ano 2020 con unha débeda bancaria de 705.125 euros, e con un estado de tesouraría que ascende a 5.222.967,34 euros