ETHEL VÁZQUEZ AVANZA QUE A NOVA SENDA PEONIL DE ORDES ESTARÁ AO SERVIZO DOS VECIÑOS E USUARIOS DO ALBERGUE DE PEREGRINOS A FINAIS DE ANO GRAZAS A UN INVESTIMENTO DE CASE 650.000 EUROS 

  • O itinerario, que se constrúe pola marxe dereita da estrada en formigón coloreado e conta cunha lonxitude de 1.300 metros, unirá o núcleo de Ordes co lugar da Costa 
  • Habilitarase ademais unha pasarela de 15 metros para salvar o río Cabrón 
  • O grado de execución dos traballos acada o 23%, estando o movemento de terras practicamente finalizado e avanzando agora na drenaxe, nos muros e nos labores preparatorios para a construción da pasarela 
  • A actuación contribuirá a fomentar a mobilidade peonil e sostible entre os veciños, que a través da senda poderán acceder con seguridade a servizos educativos básicos ou a equipamentos deportivos, comerciais e industriais
  • A senda mellorará o acceso ao albergue de peregrinos “contribuíndo a potenciar a Ruta Xacobea como factor de dinamización de Ordes e de toda Galicia”, un activo “imprescindible” para a reactivación económica
  • As obras estarán rematadas a finais de ano contribuíndo á celebración do Xacobeo 2021 que, “se non pode ser o mellor da historia, será, seguro, o máis necesario”, remarca Ethel Vázquez

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a nova senda peonil de Ordes, que a Xunta está a executar na estrada autonómica AC-524, estará ao servizo dos veciños e usuarios do albergue de peregrinos a finais de ano, grazas a un investimento autonómico próximo aos 650.000 euros. 

Durante a visita que realizou esta mañá a Ordes para supervisar, sobre o terreo, os traballos de construción deste itinerario peonil ata o albergue, na que estivo acompañada polo alcalde, José Luis Martínez, a titular de Infraestruturas en funcións deu conta do avance dos traballos que, segundo salientou se atopan “xa en plena execución” e “avanzan a un ritmo notable”. 

A senda que se está a executar ten unha lonxitude de preto de 1.300 metros, transcorre pola marxe dereita da estrada e ten por obxectivo separar fisicamente o tráfico rodado do tránsito de peóns. O itinerario permite unir o núcleo de Ordes co lugar da Costa, a través dun itinerario de formigón coloreado dun ancho aproximado de case 2 metros, separado da calzada por unha franxa axardinada de preto de 90 centímetros. O proxecto recolle, ademais, a construción dunha pasarela de 15 metros para salvar o río Cabrón. 

Ethel Vázquez detallou que os traballos, que comezaron hai un mes, acadan un grado de execución do 23%, co movemento de terras practicamente finalizado, ao 95%, e estase avanzando xa na drenaxe, na construción dos muros e nos labores preparatorios para executar a pasarela. Este grado de avance fai posible que as obras poidan estar finalizadas antes de que remate o ano. 

“A pesar de ser verán e das medidas de prevención da covid-19, que afectan aos rendementos dos traballos, imos rematar esta senda antes do prazo de 6 meses previsto no contrato”, remarcou a titular de Infraestruturas e Mobilidade en funcións. 

Ethel Vázquez incidiu en que esta actuación contribúe a fomentar a mobilidade peonil e sostible entre os veciños de Ordes, que poderán acceder con seguridade a través desta senda a servizos básicos como a educación, xa que este itinerario facilita os desprazamentos cara ao IES nº1 e cara ao colexio Alfonso Rodríguez Castelao; ademais de cara a outros equipamentos como os pavillóns polideportivos, locais comerciais, industriais ou farmacias. 

A senda tamén mellorará o acceso ao albergue de peregrinos do Camiños de Santiago, contribuíndo a potenciar a Ruta Xacobea como factor de dinamización de Ordes e de toda Galicia, un activo “sempre importante”, en palabras de Ethel Vázquez, pero que a raíz da crise provocada pola covid-19, “é imprescindible” para a reactivación económica. 

A conselleira de Infraestruturas en funcións destacou, ademais, que con esta actuación a Xunta atende a demanda do alcalde de Ordes, que trasladou a necesidade de actuar neste punto para mellorar a seguridade viaria e para fomentar un tránsito peonil sen riscos, tendo en conta que as marxes da estrada concentran moitos servizos de interese e que cada día circulan por ela máis de 4.100 vehículos. 

En definitiva, incidiu, a Xunta está a materializar un investimento de preto de 650.000 euros na construción dunha senda peonil que reforzará a seguridade viaria da estrada autonómica AC-524, fomentando unha mobilidade sostible entre os veciños e os peregrinos do Camiño Inglés, reforzando o atractivo do Camiño de Santiago como factor de dinamización turística e económica. 

“As obras estarán rematadas a finais de ano contribuíndo, deste xeito, á celebración o vindeiro 2021 dun Xacobeo que, se non pode ser o mellor da historia será, seguro, o máis necesario”, concluíu. 
 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, xunto co alcalde, José Luis Martínez, supervisou hoxe as obras deste itinerario na estrada autonómica AC-524, coas que a Xunta atende unha demanda municipal .