spacer
Aprobados inicialmente os orzamentos do Concello de Ordes que ascenden a 9.964.720,55 euros

Audio do pleno

  • No pleno ordinario do mes de xuño quedaron aprobados inicialmente os orzamentos que ascenden a contía de 9.964.720,55 euros tanto en ingresos como en gastos, e que supoñen un incremento do 6,41% con respecto aos do exercicio 2019.
  • En relación ao punto de informes de alcaldía deuse conta da liquidación do exercicio económico de 2019, con un resultado orzamentario positivo de 1.051.145,70 euros, remanente positivo de 2.453.575,71 euros, o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, o incumprimento da regra de gasto, cumprimento do límite de débeda, e un período medio de pago a provedores a 31 de decembro en 6,24 días.

O pleno ordinario do mes de xuño celebrouse de xeito presencial na casa da cultura sita na Rúa de Galicia, ao fin de poder garantir o espazo físico esixido de 1,5 metros conforme as medidas da nova normalidade entre os integrantes da corporación e os técnicos habilitados, secretario e interventor xeral. Comezou como é preceptivo co punto primeiro de aprobación unánime da acta da sesión anterior de data 16 de xuño, onde se aprobou o sorteo dos integrantes das mesas electorais das vindeiras eleccións autonómicas.

Informes de alcaldía: liquidación dos orzamentos municipais de 2019. 

No punto segundo o alcalde tomou a palabra na quenda de informes de alcaldía, para dar conta da liquidación dos orzamentos municipais do ano 2019, conforme ao contido do decreto asinado o pasado 29 de abril de 2020. As magnitudes mais salientables son: resultado orzamentario positivo por importe de 1.051.145,70 euros, remanente de tesourería positivo por importe de 2.453.575,71 euros, aforro neto legal positivo por importe de 2.530.089,55 euros, cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria con superávit de 159.220,60 euros, incumprimento do obxectivo da regra de gasto de 546.018,39 euros que conleva a necesidade de elaborar e aprobar polo pleno corporativo un plan económico financeiro, cumprimento do límite de débeda que segundo o protocolo de déficit excesivo é de 1.125.404,63 euros, e cumprimento do período medio de pagamento da débeda comercial que se situou a 31 de decembro de 2019 en 6,24 días.

Aprobación inicial orzamento municipal exercicio 2020.

Cos votos a favor do grupo de goberno e abstención do PSOE, e votos en contra de BNG (2 concelleiros presentes) e UXO, foron aprobados inicialmente os orzamentos municipais que ascenden a contía de 9.964.720,55 euros tanto en ingresos como en gastos, e que supoñen un incremento do 6,41% con respecto aos do exercicio 2019.
Na intervención de presentación do contido do proxecto orzamentario o alcalde explicou a elaboración e contido do documento, partindo de unha previsión e estimación prudente no apartado dos ingresos que se agardan recoñecer ao longo do exercicio. Fixo fincapé na baixada do tipo do IBI de urbana e rústica ao 0,50%, e unha participación nos tributos do estado conforme das entregas a conta previstas, recordando que aínda hoxe seguen vixentes os orzamentos do ano 2018 do PP de Mariano Rajoy.
En canto aos ingresos de capital estes proceden das aportacións do POS+, xunto con convenios, axudas e subvencións coa Xunta de Galicia. E no apartado de préstamos unicamente a liña do POS+2020 pola contía total permitida de 331.273,63 euros, que se dedicará toda ela a amortizar débeda bancaria. 
Coñecidos os ingresos e feita a conta dos créditos dispoñibles, na liña de gastos compre mencionar diferentes liñas conforme ao contido das memorias de alcaldía e de intervención. 
Nos gastos de persoal tívose en conta o incremento do 2% para todo o persoal durante o exercicio 2020. Dotouse orzamentariamente a praza de tesoureiro habilitado nacional e modificouse o posto de técnico de administración xeral, toda vez que o actual tesoureiro ten  próxima a súa xubilación. Unha cuestión importante introducida no capítulo 1 de persoal coa asignación de crédito requirida, e cumpríndose así unha demanda de moitos anos atrás por parte do persoal laboral do concello de Ordes, é que en estes orzamentos se inclúe o resultado das negociacións mantidas polo alcalde cos representantes sindicais maioritarios ao remate do ano 2018, Pedro Ferreiro, Fátima Rodríguez e Roberto Prado, onde se materializa con efectos do 1/1/2020 o acordo para levar a cabo o cobro de cantidades por antigüidades de cada un dos traballadores non funcionarios da administración municipal.
En referencia aos gastos correntes en bens e servizos recóllense todos os créditos necesarios para os contratos vixentes, así como os previstos no exercicio. E nas achegas por transferencias as relativas a escola infantil municipal, á Mancomunidade (que se incremente en un 81,82% ata os 300.000 euros, para poder financiar o incremento de horas do servizo de axuda no fogar, axudas de emerxencia social e paliar efectos derivados da crise do COVID-19. No apartado de subvencións nominativas, as dos clubs de deportes ben incrementadas a súa contía, e resérvase tamén crédito para as axudas de material escolar, o cheque bebé, e a axuda a deportistas individuais.
Logo das reunións mantidas durante abril e maio, acordouse unha aportación nominativa de 66.000 euros a Asociación de Comerciantes e Empresarios da Comarca de Ordes, para darlle continuidade ao proxecto do Centro Comercial Aberto e revitalizar o sector trala crise derivada da pandemia do COVID. Prevese por parte da entidade a contratación de unha xerente, creación de plataformas online propias, ferramentas de marketing, deseño de unha marca e imaxe propia, e campañas de difusión e promoción da actividade produtiva da vila e do concello de Ordes.
No referente ao apartado de investimentos, a previsión inicial a espera de outras axudas nos próximos meses é de 2.306.624,33 euros (dos que 1.315.035,57 euros son fondos propios). Cubre actuacións xa executadas ou créditos comprometidos en cofinanciación de liñas de axudas provintes do estado e da comunidade autónoma, e prevé a execución ao longo do que resta de ano da 2ª fase de beirarúas no Casal, completar as beirarúas en Montaos pola marxe dereita dende A Costa ata case o límite con Oroso, humanización e peatonalización do tramo da rúa do Muiño entre rúa Compostela e rúa do Parque Municipal, substitución da EDAR de Lavandeira por un bombeo e acondicionamento de vías de acceso a Ceidón, conexión do abastecemento de auga dende a Reboira a Cabeza de Lobo, abastecemento con beirarúas e novo firme da rúa Carnota, reforma do ximnasio municipal Iván Raña, creación de parques infantís na Adina Vella e na Espenica, e diversas actuacións en materias de alumeado LED, instalacións deportivas e culturais.
No referente a débeda bancaria municipal a previsión e que ao remate do ano 2020 se sitúe entorno aos 690.000 euros, sendo os xuros anuais de tan só 4.400 euros (200.000 euros no ano 2014).
Os orzamentos presentan capacidade financeira e cumpren co límite de débeda.
As quendas de réplica comezaron por parte do PSOE, que indicou que non ía a votar en contra dos orzamentos, sinalando que deixan unha porta aberta para calquera tipo de modificación en algún concepto para os sectores do pobo que precisen axuda do concello.
O voceiro de UXO, anunciou o seu voto en contra, baseado no que consideran no seu grupo unha distribución dos recursos non axeitada aos tempos da crise derivada da pandemia do COVID, sendo especialmente crítico co importe de mais de 1 millón de euros destinado a práctica e instalacións deportivas, que comparou coa aportación a pemes ou a determinados sectores produtivos locais. Trouxo a colación a situación do pobo, que considerou difícil logo do peche de empresas do téxtil e recentemente de Meirama, así como o bache que atravesa o sector da construcción. Finalmente afondou na batería de medidas presentada pola súa formación durante o período do estado de alarma, ao fin de baixar ou eliminar taxas e impostos municipais, ou empregar ferramentas de outros Concellos como Tordoia ou Betanzos para apoio de autónomos. E tampouco mostrou conformidade coa axuda a ONG Cruz Vermella por importe de 750 euros. 
Pablo Vidal, defendeu o voto en contra do BNG local con unha crítica baseada conforme aos datos interpretados por esta formación na suba brutal de impostos municipais nos pasados anos, a preocupación pola contía do gasto en electricidade a pesar de terse acometidas diversas actuacións de aforro enerxético con fondos públicos no pasado mandato, a falta de creación da mesa de diálogo de toda a corporación para negociar medidas para contrarrestar os efectos da crise durante a pandemia e na actualidade coa denominada nova normalidade, tirando de datos de diversa índole do INE conforme aos % de altas nos sectores produtivos locais, e incidiu en que se aportan moi poucos cartos para a cultura local no que consideran un pobo con numerosos artistas que precisan mais apoio en diferentes eidos, procedendo estes case exclusivamente da Deputación.
Para pechar este punto o alcalde solicitoulle ao PSOE que non é o momento de falar de modificacións en conceptos, en relación a UXO pola crítica as inversións en deporte que indicase cales son as partidas que propoñería eliminar, recordoulle o ter acadado o proxecto Galitext por mais de 1 millón de euros, e agradeceulle a colaboración do seu grupo en determinados momentos do estado de alarma para axudar no reparto de alimentos ou de mascarillas, a pesar de mostrar desconformidade coas medidas propostas por esta formación durante o estado de alarma por non ter analizadas as incompatibilidades con respecto as competencias locais derivadas do texto presentado, defendeu o alcalde o esforzo de incluír unha partida de 300.000 euros para os servizos sociais.
En contestación ao BNG, fíxose fincapé para rebater a queixa de subida de impostos, en que o tipo do IBI baixou do 0,6171% do ano 2014 ao 0,50% do presente ano, e que analicen as cantidades reais da débeda, logo da alta de inmobles coa regularización catastral. Recordoulle ao voceiro do BNG que os primeiros orzamentos aprobados no pasado mandato foron en 2017, e non en 2016. Aclaróuselle que o desfase de non ver minoración das actuacións en medidas de aforro enerxético, veñen derivadas das regularizacións e inversións a partir de fondos de gasto corrente en tendidos e cadros novos en núcleos que tiñan luminarias con enganche directo ao longo do termo municipal e que supoñen agora un incremento de gasto en electricidade anteriormente inexistente. Finalmente pola crítica as aportacións no sector da cultura deixou o alcalde claro que en este eido o concello aporta o 50% do custe da rede cultural da Deputación con fondos propios, e aparte existe a aportación do Agadic procedente da Xunta de Galicia.

Bonificacións cota do ICIO en explotacións gandeiras.

Apoio unánime dos 16 concelleiros presentes a bonificación do 75% da cota do imposto de construcións, instalacións e obras, en 4 explotacións gandeiras do municipio.

Modificación da RPT, praza tesoureiro.

Tras votar a inclusión por urxencia logo de terse celebrado a mesa de negociación o pasado luns, proponse modificar a relación de postos de traballo pola próxima xubilación do actual tesoureiro, ao fin de incoar o expediente para crear unha praza de tesoureiro funcionario con habilitación de carácter nacional, e o expediente para modificar o anterior posto cuberto polo actual tesoureiro como técnico de administración xeral. O punto foi ratificado por todos os grupos a favor, exceptuando a abstención do BNG xustificada en que considerou que o expediente non foi completo ao non ser levado a comisión informativa.

Mocións.

O PSOE trouxo 2 mocións. Unha primeira para solicitar por parte da Xunta de Galicia a transferencia de 300 millóns de euros a través de un fondo extraordinario para a contención do COVID-19 e a reconstrución social de Galicia, que foi rexeita polos 9 votos do goberno, e a abstención do BNG quen compartía o fondo do solicitado. A segunda moción tiña como acordo que o pleno do concello de Ordes inste ao Parlamento de Galicia a constituír na vindeira lexislatura, unha comisión de investigación sobre as causas e consecuencias padecidas pola pandemia do COVID-19 nas residencias de maiores; a cal foi aprobada cos votos a favor de PSOE, BNG e UXO, e abstención do PP de Ordes.
As mocións de UXO tamén foron dúas. En primeiro lugar defendeu a gratuidade de determinados servizos ofertados polo concello para as familias afectadas pola crise económica presente logo da pandemia, a cal non prosperou co voto en contra do grupo de goberno, cuxa voceira explicou os prezos súper reducidos e as medidas postas en marcha dende servizos sociais para os casos de emerxencia. A segunda moción para a seguridade na AC-409 (estrada Ordes-Cerceda por Mercurín) logo de diversas emendas admitidas polo grupo que a presentou, acordouse unánimente instar a Xunta de Galicia a que reduza o límite de velocidade de 90 a 70 km/h dende o punto quilométrico 2+540 a 2+660.
A única moción do BNG sobre o servizo do tren rexional na estación de Fosado (Ordes) tamén contou co apoio unánime, ao fin de solicitarlle a Renfe e ao Ministerio de Transportes, movilidad y agenda urbana, a implantar o mesmo número de paradas para o tren rexional que se está a ofertar na estación de Meirama (Cerceda).

Rogos e preguntas.

O único rogo do PSOE demandaba incrementar a vixilancia por parte da policía local para apercibir a quen non cumpra as medidas vixentes para a nova normalidade.
UXO solicitou limpeza no río ao paso pola vila, que vai estar suxeita a autorización preceptiva de augas de Galicia; e unha revisión dos colectores de lixo danados de todo o Concello, a cal quedou en previsión par parte da concelleira de Medio Ambiente, Ana Soneira.
O BNG formulou rogos para resolver unha incidencia na execución de unha obra na pista da Pedreira en Vilamaior, actualmente en execución, que xa estaba resolta polo concelleiro de obras, José Antonio Cabeza. E outro rogo para resolver os danos en un camiño da concentración parcelaria de Parada procedentes do antigo lavadoiro ao carón do cemiterio parroquial, motivada esta pola falta de cunetas logo do laboreo das fincas colindantes. 
Para rematar, UXO formulou a pregunta polo incremento de persoal na piscina descuberta, respostando a concelleira de deportes, Ana Soneira, co incremento efectuado ata 15 traballadores, sendo unicamente 8 no ano 2019. E o BNG unha pregunta pola titularidade da finca 770 do acordo provisional da 2ª fase de concentración de Parada, a cal lle aclarou o alcalde que non é municipal, pois pertence ao fondo de terras do proceso. Acordouse solicitar a limpeza da mesma.