O vindeiro luns día 27 inicianse as tan esperadas obras de rehabilitación da estrada Ordes-Cerceda ao seu paso polo Mesón do Vento
O importe total do proxecto ascendía a algo máis de 117.000 euros; e foi adxudicado e contratado coa empresa Canarga SL por 89.500 euros.
O Concello de Ordes amosa a súa satisfacción polo anuncio do inicio da tan esperada e demandada obra de rehabilitación estrutural e superficial do firme nun tramo da estrada Ordes-Cerceda (DP 2405), por parte da Deputación da Coruña; e que comenzará o vindeiro luns 27. Concretamente o dito tramo sitúase no Mesón do Vento e vai dende a rotonda situada na N-550 (Ordes-A Coruña) e as inmediacións do restaurante Avelino en dirección á Brea (P.Q. 6+000 e 6+600, Ordes). O importe total do proxecto ascendía a 117.105,28 euros; e foi adxudicado e contratado a empresa Canarga SL por un importe de 89.500 euros.
Tipoloxía das obras
As obras especificadas no proxecto, incluído no Plan de Conservación de Vías Provinciais 2019, recollen a demolición de firme nunha superficie de 1440 metros cadrados; fresado e reposición de firme nas zonas deterioradas; escavacións para saneo (1,05 m de profundidade); recheo con balastro e con material seleccionado e correctamente compactado; aumento de nivel dos sumidoiros para adaptalos ao novo pavimento, substitución de tubaxes de PVC de pluviais en mal estado; ademais da renovación da sinalización vertical e horizontal.
Corte da estrada
Dende o vindeiro luns 27 de abril e ata o 8 de xuño permanecerá cortada ao tráfico a estrada entre o P.Q. 6+300 e o 6+600.
Peticións previas do Concello de Ordes
O Concello de Ordes xa comunicara formalmente en varias ocasións dende febreiro de 2017 a necesidade imperiosa de levar a cabo esta obra coa maior rapidez posible, debido ás deficientes condicións que presentaba e que incidían na falta de seguridade para o tránsito de vehículos e dos peóns. “Que as obras se vaian inciar por parte da Deputación da Coruña alégranos, a pesar de ter que esperar máis de un ano e medio sobre o prazo inicialmente comprometido; agardando agora se executen coa maior dilixencia posible”, indica o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.
