A Biblioteca Municipal de Ordes pon á disposición do seu público un fondo local con autores, autoras e temáticas da zona
Está composto por máis de 200 referencias entre folletos, libros, revistas etc.
A Biblioteca Municipal de Ordes pon á disposición dos seus usuarios e usuarias un novo fondo local composto por publicacións de autores e autoras locais e do resto da comarca, así como de temáticas relacionadas coa zona. O dito fondo, con máis de 200 referencias variadas, inclúe dende obras literarias a folletos, revistas, trípticos e material audiovisual.
Con todo este material Ana López Brey, impulsora deste proxecto, creou un centro de interese a día de hoxe xa incluído no catálogo público OPAC (https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal). As persoas que queiran consultar e facer uso deste fondo deberán facelo en horario de mañá de luns a venres.
A responsable da biblioteca anima a todos os veciños e veciñas a realizar doazóns “de obras relacionadas con Ordes, a súa historia, os seus veciños e veciñas máis destacados etc, con fin de custodiar todo este legado histórico na mesma biblioteca”, afirma.