spacer
Cargos institucionais visitan o obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo II dos Concellos de Frades, Mesía e Ordes.

Este mediodía o Delegado Territorial da Xunta de Galicia, na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado do xefe do Servizo de Orientación e Promoción Laboral, Javier García Campa, da Presidenta de Mancomunidade, Susana García, e os Alcaldes de Frades e Mesía, visitaron na Estación da Pontraga en Ordes o obradoiro de emprego dual que comezou o pasado 1 de novembro con unha duración total de 9 meses.
        
 O equipo directivo e os 20 alumnos que conforman o obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo II desenvolvido conxuntamente polos Concellos de Frades, Mesía e Ordes; recibiu este mediodía a visita do Delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro. En todo momento estivo acompañado polo xefe do Servizo de Orientación e Promoción Laboral, Javier García Campa, pola Presidenta da Mancomunidade, e concelleira de traballo no Concello de Ordes, Susana García, e os alcaldes de Frades e Mesía, entre outros cargos institucionais alí presentes, entre eles varios concelleiro da corporación municipal ordense.

Características do obradoiro de emprego e a súa financiación.
Levase a cabo entre os concellos de Ordes, Frades e Mesía. En total forman parte del 20 alumnos e alumnas que se reparten entre dúas especialidades orientadas á conservación e mellora de montes e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. O investimento total da formación e actuacións previstas supera os 400.000 euros; na súa maior parte financiadas logo da concesión de unha subvención de 336.446 euros por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. Un importe ao que se lle teñen que sumar outros 18.000 euros destinados a incentivar a contratación das persoas participantes unha vez finalizado o período formativo, ademais doutros 51.475,23 euros procedentes de aportacións de fondos propios por parte dos tres municipios participantes.

O número de alumnos e alumnas do dito obradoiro ascende a 20, a metade formándose na especialidade de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e a outra metade á de Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas. O importe mensual que percibe cada unha das persoas que conforman o alumnado é de 1.050 euros. En todo momento están coordinados por persoal directivo, docente e de apoio.

Para a selección do alumnado-traballador tiveron preferencia conforme a orde da convocatoria, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Duración e actuacións a desenvolver.
A dita iniciativa formativo-laboral ten un prazo de duración de 9 meses con posibilidade de 3 meses mais de formación en empresas especializadas, e desenvolverase no ámbito territorial dos tres municipios. 

Entre as actuacións, aprobadas tamén pola Comisión Central, figuran, no caso de Ordes (entidade promotora): a zona verde do parque empresarial de Merelle onde no anterior obradoiro de emprego se creou un bosque autóctono e se rehabilitaron espazos deteriorados e crearon sendeiros peonís; brañas do Pumariño e Trillán (Buscás); tres fincas de titularidade municipal en desuso procedentes da reestruturación parcelaria na parroquia de Ardemil; mais melloras na área da Adina (O Mesón do Vento); continuar coa recuperación dos terreos do antigo campo de fútbol e finca unida en Barbeiros; o entorno de zona verde no campo da festa de Parada; contorno da capela de San Pedro en Adrán, Prado de Ramos e contorno da escola dos Marchás (Vilamaior); finca do antigo campo de fútbol de Nivelos entre Pereira e Montaos; fincas da concentración públicas denominadas Revolta da Mosqueira, Balada do Croio, Monte do Pozo e Prado de Abaixo (Leira). 

No Concello de Mesía inclúense as prazas de Albixoi, Bascoi, Boado, Visantoña, Cumbraos e Mesía; área recreativa de Olas; área deportiva do polideportivo de Xanceda; viveiro municipal; leira nas Rivas; brañas do Vilar e de Valga (Albixoi). 

Por último, en Frades contémplase o punto limpo Frades-Mesía; finca O Carballal e o entorno da piscina municipal (Papucín); campo de fútbol de Vitre; A Ponte Carballa; finca A Presa e a praza de Ponte Carreira  (Gafoi); o local social de Añá; a área do muíño de Céltigos; e os popularmente coñecidos como Pasos de Aiazo; finca en Gasalla e campo de fútbol de Ponte Carreira.

Cargos institucionais visitan o obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo II dos Concellos de Frades, Mesía e Ordes.