O investimento deste proxecto ascendeu a 48.400 €. Rematado tamén o corredor entre o IES Nº 1 e a instalación deportiva que permite o acceso a persoas con mobilidade reducida 

Recentemente o Concello de Ordes deu por finalizadas as obras de reforma dos vestiarios interiores do pavillón Castelao I. O orzamento total desta intervención ascendeu a 48.399,88 euros, sufragados nun 80% por Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Un investimento que permite que a día de hoxe estas instalacións poidan ser utilizadas con seguridade e nas condicións de hixiene axeitadas. 
     
    Para isto demoléronse tanto os tabiques interiores de ladrillo como todo o pavimento. Levantáronse portas, azulexados, elementos de abastecemento e saneamento, así como as pezas sanitarias para recolocalas posteriormente. Tamén se instalaron novas tubaxes de PVC e polipropileno para os sistemas de saneamento e abastecemento respectivamente. Para o revestimento optouse por gres de porcelana. As novas portas están compostas de aceiro lacado e colocáronse novas fiestras de dobre folla corredía con ponte térmica para a ventilación do espazo. A maiores, a zona de duchas impermeabilizouse e dotouse con novos sumidoiros para a recollida de augas.
    
     O proxecto tamén reflicte outras melloras no apartado de equipamentos. Como por exemplo a substitución do marcador electrónico e a ampliación do enreixado de seguridade deste, nova rotulación dos distintos espazos e novos bancos con zapateiro e alzadeiro. O vestiario dos árbitros tamén se dotou de cabina de ducha.

     Grazas a todo isto xa se pode asegurar que a día de hoxe quedaron erradicados os problemas derivados das carpinterías, sistemas e acabados altamente deteriorados, así como pola insuficiencia de espazo. 

     A maiores, e seguindo no ámbito do pavillón Castelao, este xa está directamente conectado co IES Nº1, situado nas inmediacións, a través dunha pasarela de 36 metros lineais e 1,50 metros de anchura. O obxectivo principal desta obra levada a cabo polo Concello de Ordes é  erradicar as barreiras arquitectónicas e facilitar o tránsito de persoas con diversidade funcional entre ambas as edificacións. A valoración total desta instalación sitúase nos 2.462 euros, sufragados integramente polo ente municipal.

Novos vestiarios para o pavillón Castelao I