O Complexo de Vista Alegre contará tamén cunha nova recta de lanzamento de xavelina con certificación.

A nova gaiola de lanzamento de disco e martelo xa está finalizada, polo que Ordes xa está en condicións de poder albergar probas e campionatos federados desta modalidade tanto de ámbito autonómico como nacional, grazas ao certificado internacional co que conta. 
     O investimento destinado a esta nova infraestrutura é de case 33.000 euros, sufragados en gran medida pola Secretaría Xeral do Deporte. O proxecto incluíu demolicións previas, acondicionamento do terreo e a instalación de cimentacións de varias capas, así como a formación de zapatas de formigón armado. A nova gaiola ve ampliada en gran medida a zona de caída e incrementa notoriamente as condicións de seguridade. Conta con sete postes verticais de aluminio reforzado, dúas portas rectangulares con perfil de aluminio e dobre rede confeccionada con fío de polipropileno, así como outros elementos de seguridade. Na soleira da zona de lanzamento instalouse un pavimento continuo sintético. 
     Co fin de garantir as condicións e o nivel de profesionalidade deste proxecto o Concello de Ordes contou, entre outros, co asesoramento do xuíz internacional de atletismo Jorge Blanco e do adestrador nacional Pepe Domínguez (Club Atlética A Silva-Ordes).
Xavelina
O interese do Concello de Ordes por mellorar as instalacións de atletismo de Vista Alegre non remata aquí. A día de hoxe xa están proxectadas a ampliación e mellora do foso de salto de lonxitude e a construción dunha nova recta para lanzamento de xavelina, sempre cumprindo coas especificacións da Federación Internacional de Atletismo.
     Para esta nova recta de lanzamento contémplase unha intervención de envergadura cun orzamento de 42.715,42 euros. Contémplase levantar parte da pista de atletismo para o enlace da dita recta, realizar escavacións para a pavimentación e creación de fosos destinados aos bordos perimetrais de formigón, así como a instalación dunha soleira de 15 cm de espesor de formigón armado, entre outros. Aplicarase unha capa sintética de 15 mm na pista con resina de poliuretano e caucho granulado, instalarase un bordo de formigón para, posteriormente, proceder co pintado tanto da recta de lanzamento como da propia pista de atletismo.
     A este respecto José Luis Martínez Sanjurjo e José Ramón Jete Lasa, alcalde de Ordes e secretario xeral para o Deporte respectivamente, xa mantiveron un encontro de traballo na que o rexedor ordense demandou axuda para sufragar os custos desta nova obra. Con todo isto o complexo deportivo de Vista Alegre sería o primeiro en Galicia onde se poderán realizar simultaneamente lanzamentos longos de xavelina e de gaiola.

Lista a nova gaiola de lanzamento de disco e martelo en Vista Alegre