Terá lugar ao longo da vindeira semana nas pistas de Vista Alegre e poderán participar atletas de todas as categorías

Mañá venres, 21 de xuño, remata o prazo de inscrición para participar no VIII Campus de Atletismo, organizado polo Club Atlética A Silva-Ordes. Este terá lugar ao longo da vindeira semana, concretamente dende o martes día 25 ata o venres 28, nas pistas de atletismo de Vista Alegre.

     Para formalizar a matrícula deberá entregarse a ficha de inscrición debidamente cuberta, a cal poderá obterse a través do club ou ben no mesmo Concello de Ordes, e facer o pagamento no número de conta de Abanca seguindo as instrucións que aparecen nela. Os prezos oscilan entre os 25 euros por persoa, os 40 euros para os irmáns e matrimonios veteranos, e os 50 euros dos tríos familiares e demais. A dita documentación deberá entregarse ben no Departamento de Deportes do Concello, a través do correo electrónico atleticasilva@gmail.com, ou ben no colexio Celso Emilio Ferreiro na Silva.

    A programación desenvolverase en horario de tarde. Concretamente de 18.30 a 20.30 horas para os máis pequenos e pequenas, de 21 a 22 horas para os bachareis e persoas adultas, e de 22 a 23 horas para as maiores de 35 anos. 

     Inclúense competicións das seguintes modalidades: carreiras con e sen obstáculos, xogos multiatléticos, marcha, lanzamentos de diverso tipo (xavelina, martelo, disco...), saltos de altura e lonxitude, carreiras de resistencia e de relevos etc. Monitores e adestradores nacionais de atletismo serán os encargados de supervisar en todo momento aos atletas. Finalmente as mellores puntuacións recibirán trofeos. Tamén se levarán a cabo sorteos de distintos agasallos deportivos.