spacer
Repoboación con medio milleiro de árbores autóctonas a nova área de esparcemento do polígono de Merelle

Os labores están sendo realizados polos integrantes do obradoiro Brañas do Illó-Río Samo I

O Concello de Ordes está a acometer un grande labor de reforestación e transformación da nova área de esparcemento situada no polígono industrial de Merelle. Trátase dunha parcela propiedade do Concello que conta cunha superficie de algo máis de 28.500 metros cadrados e que nun breve espazo de tempo quedará a disposición da veciñanza de Ordes, así como para os visitantes, usuarios e usuarias do polígono industrial.     Os traballos, executados polos integrantes do obradoiro de emprego Brañas do Iló-Río Samo I, incluíron o adecentamento e desbroce da súa superficie. Posteriormente repoblouse con árbores de distintas especies autóctonas entre as que non faltan piñeiros do país, acevos, carballos, pradairos, castiñeiros, nogais etc. En total hai que falar de medio millar delas, as cales foron plantadas cos tratamentos axeitados, de maneira ordenada e cunha zona perimetral marcada con pedras e cáscaras de pinos que resaltan o aspecto ornamental do lugar.  Ademais catro sequoias indicarán os catro puntos cardinais.

Repoboación con medio milleiro de árbores autóctonas a nova área de esparcemento do polígono de Merelle

A todo isto hai que engadir a creación de camiños e carreiros para permitir o tránsito de persoas, así como a rehabilitación da rotonda central do espazo na que poderá verse o escudo de Ordes.

Os concelleiros Xosé Manuel Rodríguez e Xosé Manuel Mira achegáronse esta mesma mañá para comprobar de primeira man a evolución dos traballos, contando para isto coas explicacións da directora do proxecto.