Showcooking na Praza de Abastos de Ordes.

Englobado dentro da campaña ‘Quere o teu mercado’ terá lugar este sábado pola mañá e elaboraranse sardiñas con pementos á brasa, mexillóns en escabeche e champiñóns de mar

Este vindeiro sábado, 25 de maio, o Concello de Ordes invita a todas as persoas que o desexen a desfrutar dun showcooking na Praza de Abastos. A cociñeira Karina Carreira, do establecemento Factoría Doce, será a encargada de preparar unhas deliciosas sardiñas con pementos á brasa, mexillóns en escabeche e champiñóns de mar.

     As persoas que se acheguen á praza a partir das 10.30 horas poderán ver en vivo a elaboración destes pratos e degustalos gratuitamente, ademais de aprender de primeira man trucos e consellos sobre os alimentos que se empreguen. Para isto habilitarase un espazo e instalarase unha cociña a carón dos postos habituais. 

     Deste xeito o Concello de Ordes participa, un ano máis, na campaña 'Quere o teu mercado', lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados (www.quereoteumercado.gal). Esta está promovida pola Xunta de Galicia en colaboración cos Concellos, as prazas de abastos e as federacións e asociacións de comerciantes. Como obxectivo principal está o de destacar o papel dos mercados, potenciar a compra do produto local e enxalzar a profesionalidade de praceiros e praceiras. 

    En conxunto hai máis de 50 mercados ao longo de toda a Comunidade, nos cales se están a realizar distintas actividades co fin de  visualizar, promover e activalos. 
 

DIA DO MERCADO