Presentado o proxecto de mellora da estrada de Mercurín (Ordes-Cerceda)
A visita da conselleira coincide coa publicación no DOG do inicio do trámite da súa exposición pública. Habilítase un prazo de 30 días hábiles para presentar observacións por escrito ante a Axencia Galega de Infraestruturas. En total investiranse 2,3 millóns de euros
Ethel Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, visitou esta mañá o Concello de Ordes, onde mantivo un encontro co alcalde José Luis Martínez Sanjurjo, e cunha ampla representación do seu equipo de Goberno. Tras asinar no libro de honra a dirixente popular informou sobre o proxecto de construción de alongamento e mellora da estrada de Ordes a Cerceda cun orzamento de 2,3 millóns de €. A contratación das obras levarase a cabo na época estival, sitándose o seu prazo de execución nun ano.
Precisamente hoxe venres, 17 de xuño, o Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública do dito proxecto, durante un período de 30 días hábiles. No texto tamén se dá conta da lista de propietarios afectados polo dito proxecto, que ascenden a máis de 240 con referencias nas parroquias de Ordes, Leira e Mercurín.
As persoas que o consideren oportuno poderán formular por escrito, ante a Axencia Galega de Infraestruturas, as observacións que crean convenientes relativas á concepción global do trazado da estrada. O mesmo no caso das persoas afectadas pola execución das obras, as cales poderán presentar cantas alegacións ou rectificacións consideren convenientes en canto aos seus bens e dereitos descritos. A exposición pública realízase na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), no Servizo de Infraestruturas da Coruña (rúa Vicente Ferrer, 2, 15008 A Coruña) e na Casa do Concello de Ordes (rúa Alfonso Senra, 108, 15689 Ordes, A Coruña). Así mesmo, na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda (http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas), atópase á disposición das persoas interesadas o documento completo do proxecto de construción.
Máis de 7 quilómetros
O obxecto desta intervención en materia de infraestruturas corresponde coa mellora e acondicionamento da estrada que comunica os municipios de Ordes e Cerceda, ao tratarse dunha vía moi transitada por camións, xa que nela se atopa a intersección que conduce cara a Sogama (Sociedade Galega do Medio Ambiente). Os traballos centraranse na ampliación da plataforma ata acadar un ancho de 9 metros, máis adaptado ás necesidades de mobilidade da zona. Tamén se contemplan intervencións nas principais interseccións, habilitándose pequenos carrís de aceleración e desaceleración, semiglorietas que faciliten os cambios de sentido con maior seguridade e a construción dunha glorieta no acceso ao complexo medioambiental de Sogama. Concretamente traballarase nun tramo que supera os 7 quilómetros, os cales se sitúan dende a entrada do polígono industrial de Merelle (Ordes) ata a área de Bailía.
As obras previstas inclúen a reposición do firme, unha nova sinalización vertical e horizontal, elementos de balizamento, barreiras metálicas, drenaxe lonxitudinal e transversal e estruturas, ademais de todas as obras complementarias para a ampliación do largo da vía. As ditas obras son posibles grazas á permuta na titularidade desta vía, que recentemente asumiu a Xunta de Galicia. Tras isto o tempo de espera por parte do Goberno Autonómico reduciuse á mínima, co fin de darlle unha resposta efectiva e rápida a unha demanda veciñal que se viña dando ao longo dos últimos anos.
Compromiso cumprido
Por outra banda o rexedor ordense tamén amosou a súa satisfacción e agradecemento “ao ver convertido xa nunha realidade algo que Ordes levaba esperando moito tempo”. Deste xeito dáse por cumprido un dos máximos compromisos electorais asumido por Martínez Sanjurjo durante a pasada campaña municipal, chegando a manifestar que no caso de gañar as eleccións e non conseguir esta obra renunciaría a volver presentarse para a súa reelección.