Relatorios sobre mulleres destacadas, performances, concertos de música e teatro compuxeron o programa desta xornada de concienciación.

O II Congreso Escolar pola Igualdade organizado tivo lugar hoxe contando coa participación de máis dun cento de alumnos e alumnas do IES Maruxa Mallo. Precisamente foron eles e elas os organizadores desta cita coa que se pretende incidir na importancia da igualdade entre homes e mulleres. 
Deste xeito o auditorio da Casa da Cultura foi o mellor escenario para desenvolver un programa que arrancou con teatro. A obra escollida, e representada polo propio alumnado, tivo como tema central os micromachismos. No apartado de relatorios os temas seleccionados para esta ocasión atenderon a personalidades de mulleres tan destacadas como Maruxa Mallo, a bailarina africana Sara Baartman ou a filla predilecta e enfermeira universal Isabel Zendal. 
A detección do maltrato, as novas masculinidades, as letras machistas nas cancións, a violencia de xénero en adolescentes, a xestión dos celos, ou feminismo como camiño para alcanzar a igualdade foron outas das charlas que ofreceron alumnos e alumnas do centro. 

     Performances sobre o feminicidio, actuacións musicais (La Puerta Violeta, Pan e Rosas), intervencións artísticas de prosa lírica (Quero ser libre) foron outros dos actos levados a cabo nesta xornada.

O IES Maruxa Mallo celebra ao seu II Congreso Escolar pola Igualdade