Durante o sábado e o domingo sucederanse as mostras de razas autóctonas, maquinaria agrícola, artesanía, produtos do campo etc, así como encontros folclóricos, degustacións gastronómicas, poxas de gando e probas cabalares

Esta fin de semana, 23 e 24 de febreiro, terá lugar a XXI Festa do Lacón con Grelos. O Mesón do Vento prepárase para recibir, como cada ano, a miles de visitantes con ganas de desfrutar dun amplo programa cheo de actividades, e de dar boa conta dalgunha que outra ración deste delicioso prato. 

     Tanto o sábado como o domingo o recinto feiral abrirá as súas portas ás 10 horas, espazo que albergará unha ampla mostra de gando e aves de raza autóctona, de produtos do campo, artesanía, maquinaria agrícola, ademais dunha feira medieval. 

     A todo isto sumaráselle, no caso do sábado, unha degustación de carne de cachena nos establecementos da zona a partir das 12 horas. Xa pola tarde, concretamente ás 16.30 horas, dará comezo a proba de agility canina e unha hora máis tarde o IV Encontro folclórico coa participación das agrupacións Sementes da Arte, Camiño Real de Poulo, Asociación Folclórico Cultural Veciños de Leira e as Pandeireteiras de Ardevento. 

     De cara ao día grande da celebración, o domingo, haberá tamén unha exposición de cetrería, xuntanza cabalar e exhibición de vehículos 4X4. A partir das 11.30 horas terá lugar a primeira poxa de gando, e as probas de andadura e trote que se sucederán ata a tarde. Ademais, ás 12.30 horas, arrancará o concurso morfolóxico pura raza galega de eguas e cabalos. A xincana e a carreira de burros previstas para as 18 e 18.30 horas respectivamente porán o broche final a esta festa. 

     A XXI Festa do Lacón con Grelos está organizada polo Concello de Ordes e conta coa colaboración de  Africor Coruña.
 

Esta fin de semana terá lugar no Mesón do Vento a XXI Festa do Lacón con Grelos