Mercado de artesanía, monicreques, cine, festa con inchables e obradoiros, concertos etc son algunhas das actividades e animacións previstas. A maxia e a ilusión da cabalgata de Reis porán o punto final á celebración das festas 

Para estas vindeiras festas de Nadal o  Concello de Ordes ten preparada unha ampla programación na que os máis novos e novas teñen un papel relevante. 

     Dende o mércores 19 ata o luns 24 de decembro na alameda de Ordes instalarase un gran mercado de artesanía. O horario de atención ao público irá dende as 11 ata as 21 horas (agás o día 24 que pechará ás 14 horas) e haberá sorteo dunha gran cesta de Nadal (día 22) e de agasallos (día 23) entre as persoas que o visiten. Tamén levarase a cabo unha campaña de recollida de produtos de hixiene infantil e para persoas adultas (día 19). Precisamente será a este mercado onde acuda o carteiro real para poder recoller todas as cartas dos nenos e das nenas que queiran achegarse ata alí o venres día 21 de 18 a 20 horas.

   O programa complétase coas seguintes actuacións e actividades:

•    Mércores 26 de decembro ás 18 horas na Casa da Cultura terá lugar o espectáculo de pompas de xabón ‘Os fabulosos cleaners’.

•    Xoves 27 de decembro de 16.30 a 20 horas no pavillón Castelao 1 Gran festa de Nadal. Xogos, animacións, obradoiros, inchables, chocolate e rosca para toda a familia.

•    Venres 28 de decembro programación doble: 

       Ás 20.30 horas na Casa da Cultura cine, ‘Sicixia. Paseo polo amor e a Costa da Morte’ (non recomendada a menores de 12 anos). 

      Tarde de diversión no parque ‘Xuvenlugo’. Autobús gratuíto. Entrada 4,50 €. Inscricións no Departamento de Cultura ata o 21 de decembro.

•    Sábado 29 de decembro ás 20 horas na Casa da Cultura ‘Festival de Nadal’ coa Banda de Música de Ordes.

•    Mércores 2 de xaneiro ‘O tesouro de Calicó Jack’, xogo de escape hall. Actividade que se levará a cabo na Coruña para nenos e nenas a partir dos 11 anos. Entrada 12 €. Autobús gratuíto. Inscricións no Departamento de Cultura. 

•    Xoves 3 de xaneiro ás 18 horas na Casa da Cultura espectáculo de monicreques ‘O traxe novo do rei’.

•    Venres 4 de xaneiro de 17 a 19 horas ‘Momento doce’. Flocos e algodóns de azucre de balde para os nenos e nenas nos soportais do Concello vello. 

     Como cada 5 de xaneiro Melchor, Gaspar e Baltasar farán parada en Ordes. A gran Cabalgata organizada polo Concello virá repleta de agasallos, caramelos e moitas máis sorpresas. As súas maxestades pasarán varias horas cos nenos e nenas de Ordes, que terán unha ocasión idónea para recordarlle ao seu rei favorito o contido das súas cartas.

     A Deputación da Coruña, a Asociación de Comerciantes de Ordes, o Curso de Habilidades Sociais e Autonomía Persoal para Persoas con Discapacidade que se imparte no Mesón do Vento e Cruz Vermella Ordes colaboran co Concello na realización e o desenvolvemento destas actividades.

Amplo programa da Nadal organizado polo Concello