spacer
Arranca o IV Trofeo de Patinaxe Artística Concello de Ordes 

300 patinadores e patinadoras de todas as categorías e pertencentes a unha vintena de clubs danse cita durante a fin de semana no pavillón Castelao I. Varios campións nacionais e europeos ofrecerán unha exhibición o domingo

Dende esta mañá e durante toda a fin de semana estase a celebrar o IV Trofeo Concello de Ordes de Patinaxe Artística. Como sempre o pavillón Castelao I é o punto neurálxico deste tipo de competicións. Neste caso son un total de 300 patinadores e patinadoras chegados das provincias da Coruña, Ourense e Lugo. Deportistas de todas as idades englobados dende a categoría de iniciación ata a absoluta e pertencentes a unha vintena de clubs 

      Trátase de equipos chegados de Ourense, Lugo e A Coruña. Concretamente son: Aehede, Anca, Axel, Boiro, Brincadeira, Uxaina, Brión, Inercia, Liceo, Omega; Oroso, Patriart, Puebla, Sarela, Velúa, Compañía de María, Conxuro, Ribeira, Escolas Lubiáns e o Club Galia, organizador e anfitrión desta competición.

     Ademais a ocasión está sendo aproveitada para recoller alimentos non perecedoiros a favor de Cáritas Ordes. Nesta primeira xornada xa foron moitos e moitas os que se solidarizaron coas familias máis necesitadas do municipio, doándolles todo tipo de produtos alimenticios envasados e non perecedoiros, ademais de produtos de hixiene.

     Nesta primeira xornada de competición a alcaldesa en funcións, Ana Soneira, foi a encargada de entregar as medallas aos primeiros e ás primeiras participantes. Soneira agradeceu a colaboración brindada polas máis de 30 firmas comerciais, empresas e establecementos da zona para poder levar a cabo este evento, no que tamén participan a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Deporte Galego.