No próximo pleno adherirase ao manifesto da FEMP co gallo do 25 N.

Convocado o concurso de pintura mural Quen Dixo Medo? para os municipios de Ordes e Cerceda.

    Co gallo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, que se celebrará o vindeiro 25 de novembro, a Mancomunidade de Ordes adherirase ao manifesto da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). A dita adhesión terá lugar no pleno convocado para o vindeiro luns, 19 de novembro. Ratifícase así o seu compromiso cos principios de igualdade, seguridade, liberdade, integridade e dignidade inherentes a todos os seres humanos, así como a repulsa ante calquera forma de violencia e intimidación. 
     O texto afonda en aspectos relacionados coa aplicación das medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Tamén no compromiso cos dereitos fundamentais da infancia e no aumento de menores asasinados a mans dos seus pais como instrumento de control e de poder sobre as mulleres. Por último amósase o compromiso para implementar todas as medidas de coordinación interadministrativa de cara á protección e defensa para que permitan liberar tanto ás mulleres como a  menores de idade da lacra da violencia de xénero.
Outra das actividades previstas na comarca en relación ao Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller é o concurso de pintura mural Quen Dixo Medo? Unha convocatoria que no caso da comarca vai dirixida aos habitantes de Ordes e Cerceda, concellos xa englobados no programa que leva o mesmo nome. Na categoría de adultos/as poderán participar as persoas maiores de 18 anos e na de menores de 5 a 17 anos (necesaria autorización). En ambos os casos poderanse presentar de forma individual ou en grupos de catro persoas como máximo. 
     A temática sobre a que versarán os traballos presentados será a sensibilización e a loita contra a violencia de xénero, quedando excluídos aqueles que conteñan contidos obscenos, violentos, xenófobos ou calquera outro que atente contra a dignidade das persoas. A técnica será libre. O bosquexo será enviado en formato PDF, tamaño DIN A4, a cor e incluirase  un pequeno texto explicativo en galego, ademais dunha listaxe cos requisitos técnicos e materiais (non poderán exceder dos 100 euros).
Premio Ipod 
A persoa gañadora de cada unha das categorías recibirá un IPOD TOUCH de 32 GB. Posteriormente a obra seleccionada realizarase nun lugar público determinado, cunhas dimensións aproximadas de 2x3 m, ademais de difundirse nas páxinas  www.dacoruna.gal e www.quendixomedo.gal. Precisamente nesta última pódense consultar as bases desta convocatoria.
    O prazo de admisión de deseños será dende o día 14 ata o 24 de novembro, ambos incluídos. Enviaranse a través do correo electrónico ao enderezo info@quendixomedo.gal, acompañados da folla de aceptación dos compromisos e a autorización de datos de carácter persoal cos datos requiridos, que se poderán descargar no enderezo www.quendixomedo.gal.
     A estas iniciativas hai que sumarlle a charla informativa que se impartirá ao alumnado de 4º da ESO dos centros educativos de Ordes. Unha xornada que correrá a cargo da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia dentro do marco da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero. Na súa realización colabora tamén o Concello de Ordes.  

A Mancomunidade de Ordes contra a violencia de xénero