O Concello de Ordes tramitará as solicitudes ata o próximo 13 de novembro. 

Ata o 13 de novembro o Concello de Ordes manterá aberto o prazo de inscrición para o curso de socorrismo organizado pola Deputación da Coruña. 
Englobada dentro do Proxecto EIXO_Estratexia de Inserción Xove do Plan de Emprego Local (PEL) dita acción formativa inclúe ó acceso ao certificado de profesionalidade de nivel 3. A formación teórico-práctica realizarase nas instalacións da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, na Coruña, estando prevista a súa data de inicio para a última quincena de novembro. A xornada desenvolverase en horario de mañá e contempla as horas de formación propias do certificado de profesionalide xunto cas correspondentes á formación transversal e complementaria en igualdade de oportunidades, lingua estranxeira e novas tecnoloxías. Tamén inclúe sesións grupais e individuais de orientación e desenvolvemento de competencias e habilidades para a inserción laboral.
     As persoas interesadas en formar parte deste curso deberán presentar no Concello a súa solicitude completamente cumprimentada e asinada, a cal poden solicitar no mesmo Concello. Xunto con ela deberá adxuntarse o historial formativo e profesional cumprimentado e asinado, DNI por ámbalas dúas caras, tarxeta ou documento que acredite o número de Afiliación á Seguridade Social, certificado/volante actualizado de empadroamento, tarxeta de demanda de emprego debidamente actualizada (non se considerarán as tarxetas de demanda de mellora de emprego), documentos que acrediten o requisito de acceso a certificados de profesionalidade de nivel 3 e de inscrición no rexistro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.